20 de dec. de 2024

GALICIA

O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo  

  Portos de Galicia ten delimitadas as reversións ao estado de terreos portuarios innecesarios en Cangas, Vilanova, Foz, A Guarda e Santa Cruz, en Oleiros 

 José Antonio Álvarez deu conta de significativos avances nas últimas semanas no proceso de devolución ao Estado do solo portuario que non rexistra actividade sectorial co obxectivo de que a Administración central poida transferilo aos concellos 


Vista do porto de A Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación aos avances realizados no procedemento de reversión ao Estado dos terreos de titularidade portuaria que non rexistran actividade sectorial, declarados, por tanto, innecesarios para o ente público. Tal como explicou, o obxectivo final desta proposta de devolver ao Estado a titularidade do solo é que a Administración central poida a continuación transferilo aos Concellos para uso veciñal, unha decisión que corresponderá ao Consello de Ministros.   

 Álvarez Vidal indicou que a Xunta vén de realizar avances moi significativos no procedemento de reversión. Neste sentido destacou que o pasado 26 de novembro, o conselleiro do Mar e mantivo unha reunión de traballo co presidente da Fegamp na que se validaron os criterios técnicos para as desafectacións así como o procedemento a seguir. Tal como se refrendou nesta reunión o procedemento realizarase por fases (tramitando sucesivamente as reversións de lotes de portos e non todos á vez) para maior axilidade administrativa, dada a complexidade do procedemento global.   

 A raiz de dita reunión, ao longo deste mes de decembro “mantiveronse reunión cos concellos de Cangas, Vilanova, Foz e A Guarda para acordar as delimitacións definitivas dos terreos que se propón revertir ao Estado para a sua posterior transferencia aos Concellos”, relatou o presidente de Portos de Galicia e engadiu que as propostas acordadas nestas 4 reunións, xunto coa do porto de Santa Cruz, cuxa delimitación estaba xa pechada ao tratarse do total da instalación portuaria, “serán ratificadas polo Consello Rector de Portos de Galicia en xaneiro tras o Nadal”.   

 A continuación, despois da aprobación no Consello Rector de Portos de Galicia, a proposta remitirase á Consellería de Facenda, que a elevará ao Consello da Xunta. Este órgano aprobará a súa remisión á Administración Xeral do Estado.  

Procesos á espera de resposta do Estado 

 Neste sentido, o presidente de Portos de Galicia subliñou que se trata dun proceso longo pola súa complexidade que cuxa dilatación dependerá en boa medida da axilidade da Administración Xeral do Estado en resolver a aprobación da proposta. Non en van, a día de hoxe algúns procesos xa iniciados de manera individualizada anteriormente levan máis de 10 anos en tramitación, pendentes da decisión do Estado, como é o caso da praia de Cariño, a instalación portuaria de Ponteceso ou a zona de praia e recreativa de Porto do Son.

Ningún comentario:

Publicar un comentario