Regresan as visitas guiadas ao Castro do Monte Santa Trega durante a Ponte da Constitución
• A oferta de visitas guiadas sempre tiveron unha excelente acollida entre veciños e visitantes que escollen A Guarda ou arredores para gozar das súas vacacións
Infogauda / A Guarda
As visitas guiadas que organiza o Concello de A Guarda son un complemento perfecto para coñecer un dos enclaves máis visitados de Galicia: o Monte Santa Trega.
Esta campaña especial das visitas guiadas céntrase nos valores arqueolóxicos do Monte Santa Trega, un dos recursos máis destacados de Galicia e un dos exemplos mellor conservados da Cultura castrexa.
As visitas guiadas realizaranse o venres 6, sábado 7 e domingo 8 de decembro ás 12:00h e terán unha duración duns 45 minutos. A visita céntrase no valor arqueolóxico da zona escavada do Castro do Monte Santa Trega, nun recorrido de menos dun quilómetro que inclúe o Barrio Mergelina e finaliza nas vivendas reconstruídas. As explicacións do guía permitirán coñecer como vivían os castrexos no Trega fai máis de 2.000 anos.
Esta actividade non precisa inscrición previa. As persoas interesadas tan só terán que presentarse minutos antes do comezo da visita no aparcadoiro da Casa Forestal que se atopa uns metros despois de cruzar o castro. Aqueles que accedan en vehículo ao monte deberán abonar a taxa de acceso, sendo a visita guiada gratuíta.
Ademais con motivo da Ponte da Constitución, a Rede de Museos de A Guarda conta cunha apertura ampliada:
• MASAT (Museo Arqueolóxico). Do venres ao domingo: 10:00 a 19:00h
• Museo do Mar. De venres a domingo: 11:00 – 14:00 / 16:00 -19:00h
• Fortaleza de Santa Cruz: Espazo público aberto todos os días: 10:00-18:00h.
Por último, recordar que a Oficina Municipal de Turismo contará tamén cun horario especial e estará aberta de venres a domingo de 10:00 a 14:00h.
Tamén pódese consultar no enderezo electrónico de turismo@aguarda.es ou no teléfono 986 61 45 46.
Ademais do Monte Santa Trega, A Guarda exhorta a recorrer noso territorio a través das rutas de sendeirismo, desfrutando da natureza no Esteiro do Miño, descubrindo a vida mariñeira no porto e no Museo del Mar e degustando a nosa gastronomía e produtos locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario