9 de nov. de 2024

VIGO

Máis de 600 persoas achéganse á ciencia mariña con nome propio co Centro de Investigación Mariña (CIM)  

Un paseo divulgativo a bordo dun barco-aula e unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla completaron os talleres científicos organizados no Centro Comercial A Laxe polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo  

 

Participantes na visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla
Fotos: CIM

CIM / Vigo

 Novo éxito rotundo de participación nas actividades organizadas polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo nas súas tradicionais xornadas de portas abertas ao público xeral. Máis de 600 persoas desfrutaron esta fin de semana de todas as iniciativas postas en marcha para dar a coñecer de preto á cidadanía a ciencia mariña que se desenvolve nos seus laboratorios. Estas actividades, que forman parte das accións do Decenio dos Océanos do Decenio das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible, volveron cativar a público de todas as idades en dúas xornadas de diversión, creatividade, divulgación e aprendizaxe.

 

Un momento do paseo divulgativo pola ría na que as persoas participantes se subiron a un barco-aula

 Máis de 100 persoas embarcáronse co  Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo,  nun paseo divulgativo pola ría na que as persoas participantes se subiron a un barco-aula no que realizaron actividades de observación e toma de mostras de organismos mariños e sedimentos, mentres escoitaban as explicacións de investigadores e investigadoras do Centro de Investigación Mariña sobre a importancia de cada mostra para a comprensión dos ecosistemas mariños. 

 Dúas quendas que completaron as súas prazas en tempo récord na que as persoas participantes, moitas delas familias con menores, puideron navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Alí, da man de persoal técnico, coñeceron os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as intalacións de mesocosmos e a sala de bombas da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), ademais de presenciar in situ diferentes experimentos que se están a realizar da man de científicas e científicos do CIM. Unha actividade que tivo unha grande resposta por parte do público, que regresou ao porto ilusionado con todo o descuberto e encantado de poder achegarse xun xeito tan ameno e divertido ao que se está a facer dende o Centro de Investigación Mariña.      

 A actividade de ‘Embárcate co CIM’ completaba así as xornadas de portas abertas celebradas este venres no Centro Comercial A Laxe, unha feira científica aberta a todos os públicos coa que achegar á cidadanía á ciencia mariña e ao coñecemento sobre os océanos desde un punto de vista único. Nela, as e os investigadores responsables de diferentes liñas de investigación realizaron diferentes obradoiros e actividades prácticas deseñadas para explorar diversas áreas da bioloxía e tecnoloxía mariñas. 


Adultos e cativos participantes nos diferentes obradoiros e actividades prácticas deseñadas para explorar diversas áreas da bioloxía e tecnoloxía mariñas

 Máis de 500 persoas puideron desfrutar así de talleres sobre fósiles mariños, técnicas xenéticas para a identificación de especies, observación de sedimentos con microscopios estereoscópicos, o impacto do cambio climático ou un xogo da oca xigante para explorar o mundo da acuicultura sostible. Todas actividades adaptadas a un público familiar que este ano se completaron cun xogo de escape virtual baseado no mural que o CIM ten xunto ao Porto de Vigo e o Campus do Mar no edificio do Real Club Náutico. Trátase dunha obra do artista vigués Delio Rodríguez en colaboración con investigadores e investigadoras do CIM e do Campus do Mar que representa os piares da observación oceánica e o seu impacto no progreso da investigación mariña. 

 “O éxito que teñen cada ano estas actividades ou as xornadas de portas abertas ao público demóstranos que a sociedade está interesada en coñecer o que facemos, en saber o que se está a investigar ao lado da casa”, salientou Daniel Rey, director do CIM, quen recordou que “este tipo de xornadas son fundamentais para que a xente descubra a investigación de vangarda que se está a desenvolver nos Centros de Investigación da Universidade de Vigo, para visibilizar o noso potencial, para que coñeza os proxectos pioneiros nos que traballa o noso persoal investigador e, por que non, para espertar vocacións científicas entre as futuras xeracións”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario