A adquisición de Berbés 25 abre unha nova fase de rehabilitación no casco vello de Vigo
• A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, certificou a compra do inmoble e a venda de dous novos pisos reformados en Elduayen
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, firmou este luns a adquisición dun novo edificio do Berbés para continuar coa recuperación do emblemático barrio vigués. Ademais, tamén procedeu á venda de dous dos pisos xa sorteados o pasado mes de novembro.
A representante autonómica procedeu á certificación da compra por parte do CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, do inmoble situado no número 25 da Ribeira do Berbés. Trátase dunha casa cunha superficie construída de 100 m2. A nova rehabilitación permitirá construír novas vivendas no barrio do Berbés, onde o CCVV xa adquiriu outros once edificios permitindo a creación ata este momento de seis vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación.
Para a recuperación do Berbés xa levouse a cabo o pasado mes de agosto a compra do edificio situado no número 27 e tamén en outubro comezou a reforma do número 39 da Ribeira do Berbés, con saída ao número 2 da rúa San Francisco, por un importe de 498.844,13 euros. Ás seis vivendas xa construídas, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse tamén as dúas do número 39.
Venda en Elduayen 31
Ademais, a delegada da Xunta tamén firmou a venda de dous das cinco vivendas adxudicadas polo CCVV en Elduayen 31 o pasado 12 de novembro. O sorteo para a adxudicación da orde de selección das candidaturas admitidas, tanto en Elduayen 31 como Subida á Costa 9, tivo carácter público e levouse a cabo na sede administrativa da Xunta de Galicia en Vigo.
Ana Ortiz destacou que en 2025 o CCVV avanzará coas obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas).
Ningún comentario:
Publicar un comentario