Tarde de teatro e emoción no Rosal co ‘Don Juan’ de Chirlomirlo
A compañía da Asociación Cultural Xuntanza, de Randufe chegará ao auditorio, este domingo 10 de novembro, ás 19.00 h, con esta interesante obra
Infogauda / O Rosal
O auditorio municipal do Rosal transformarase nun escenario cheo de paixón, intriga, risas e reflexións coa posta en escena do espectáculo ‘Don Juan’, unha revisión axeitada, moderna e definitiva da man de Chirlomirlo Teatro.
Este domingo 10 de novembro, ás 19.00 horas, a compañía teatral da Asociación Cultural Xuntanza, de Randufe, ofrecerá - de balde - ao público, unha experiencia de lecer inesquecible cunha trama que promete entreter reinterpretando con frescura a historia do lendario sedutor, atrapando ás persoas asistentes dende o primeiro momento.
Baixo a dirección de Areta Bolado, coa colaboración de Ailén Kendelman, dúas figuras relevantes do teatro con premios María Casares, e con decorados do ilustrador rosaleiro Xosé Tomás, son moitas as persoas que colaboraron e investiron o seu tempo en sacar adiante esta obra de teatro que trata “a semellante personaxe da cultura popular con seriedade e rigor”, como destacan dende a compañía.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a acudir ao teatro este domingo e “desfrutar da calidade sobre o escenario desta compañía que leva anos promovendo a cultura e o teatro. É importante apoiar o talento local e ás asociacións que enriquecen o tecido social e cultural do Rosal e da comarca, a súa dedicación e traballo merecen toda a nosa admiración e apoio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario