1 de nov. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés afronta o reto contra Bera Bera 

• O equipo de A Guarda recibirá este sábado ás 20.00 horas, na Sangriña, ao vixente campión de Liga e de Copa de la Reina

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán ante un vello coñecido e duro rival a súa sétima vitoria consecutiva, dous puntos importantes para manterse no alto da táboa 

• Continúan as baixas de Elena Martínez e María Sancha e persisten as dificultades para conseguir novas fichaxes 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés acollerá este sábado, día 2 de novembro, ás 20.00 horas, no pavillón municipal A Sangriña, a sétima xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025. Dese xeito, as de Ana Cristina Teixeira Seabra enfrontaranse a un dos maiores retos destas primeiras semanas de competición: a visita do Super Amara Bera Bera, vixente campión tanto de Liga como da Copa de la Reina. Trátase dun vello coñecido e duro rival, ante o cal o equipo de A Guarda tratará de defender o seu liderado e manter a súa condición de invicta malia as ausencias que se prolongan no seU plantel, aínda sen poder palialas con novas fichaxes. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega a esta sétima xornada coas pilas cargadas despois dunha semana de descanso internacional, decidido a ampliar o seu inmellorable momento. E é que as de Ana Cristina Teixeira Seabra acumulan seis partidos consecutivos gañando, igualando así o seu mellor comezo ligueiro histórico, que data da tempada 2016/2017, que rematou como campión de Liga. 

 Todo iso grazas á fortaleza e a capacidade de sobrepoñerse ás dificultades dun plantel que se viu limitado polas lesións dende que comezou a tempada; limitación que se deixou ver cos apuros que pasou o equipo para vencer ao recentemente ascendido Grafomental La Rioja no último encontro ligueiro (21-23). Porén, o traballo duro e o aguante ata o último momento permitiu ás de A Guarda sumar eses dous puntos unha semana máis, fazaña que esperan repetir este sábado, se ben son conscientes da dificultade da faena. 

 Para logralo, o plantel de Ana Cristina Teixeira Seabra terá que contrarrestar unha semana máis as importantes ausencias que comporta: Elena Martínez, operada con éxito da súa rotura de ligamento cruzado e meniscos fai dúas semanas; e María Sancha, quen se atopa no medio da súa recuperación dunha rotura nun dedo da man dereita. Non hai baixas adicionais nas filas do Mecalia Atlético Guardés, pero tampouco esta semana poderase reforzar a convocatoria con xogadoras xuvenís, ademais de continuar os problemas para cubrir a escaseza de efectivos cunha nova fichaxe, tanto por motivos económicos como polos compromisos de moitas xogadoras cos seus equipos de orixe. 

 Con estas complicacións o Mecalia Atlético Guardés recibirá a un Super Amara Bera Bera que chega á Sangriña quinto na táboa, con tres vitorias, un empate e dúas derrotas. O equipo vasco coroouse a pasada tempada case de tódalas formas posibles, vencendo a Elche e Málaga para facerse co título ligueiro e arrasando igualmente na Copa de la Reina. Tamén este ano empezou a Liga Guerras Iberdrola con bo pé, aínda que viviu xa unha pequena etapa de tres xornadas consecutivas sen gañar, da que semella comezar a saír coa súa marcada vitoria a pasada xornada ante Elda Prestigio (38-22). Non hai dúbidas de que o técnico Imanol Álvarez é consciente da importancia da súa visita ao campo do Mecalia Atlético Guardés, na que sumar outros dous puntos podería ser vital para manterse na metade alta da clasificación. 

 A derradeira visita do equipo donostiarra á Sangriña data de xaneiro deste mesmo ano, na décimo cuarta xornada ligueira da pasada tempada. Naquel momento as de A Guarda souberon impoñerse cun traballado 31-28, resultado que contrasta coas acusadas e sucesivas derrotas sufridas polo Mecalia Atlético Guardés en territorio vasco (32-23 na terceira xornada ligueira en setembro de 2023; 35-23 nos cuartos de final da Copa de la Reina en maio de 2024). As de Ana Cristina Teixeira Seabra coñecen a importancia da posible vitoria deste sábado e tratarán de valerse da súa afección para facerse grandes e manter o soño. 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Sabemos as dificultades que imos ter e que vai ser un xogo moi duro fisicamente” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, reitera a dificultade do seu rival: “Imos xogar contra un Bera Bera que quere gañar boas sensacións e quere volver á Liga con vitorias”, explica. A directora do Mecalia Atlético Guardés insiste especialmente na calidade técnica no plantel donostiarra: “Temos a consciencia de que é unha equipa con recursos de tiro, con pivotes perigosas pola súa capacidade e pola súa relación coa primeira liña, e que causan moito dano aos equipos”. 

 Pese a todo, a técnica lembra tamén o traballo das súas ata agora, e non subestima a súa propia intención de manter a etapa de bos resultados. “Queremos intentar facer o noso xogo, sabemos as dificultades que imos ter e sabemos que vai ser un xogo moi duro fisicamente - indica - pero queremos ter unha palabra a dicir e facer un partido consistente para intentar gañalos dous puntos”. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 7 

Mecalia Atlético Guardés – Super Amara Bera Bera 

Sábado, 1 de novembro, ás 20:00 horas, no pavillón municipal A Sangriña 

En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés. 

BINGO CLUB BALONMÁN ATLÉTICO GUARDÉS

Sábado 2 de novembro, ás 22:00 horas, no pavillón municipal A Sangriña



Ningún comentario:

Publicar un comentario