Desde o comité de empresa de Vitrasa queremos informar da actual situación do conflito pola negociación do convenio colectivo
Comité de empresa de Vitrasa
Hai xa sete meses finalizaron unhas mobilizacións que duraban 108 días por mor dun acordo no AGA co obxecto de retomar unha negociación que permitise desbloquear o conflito que dura desde xaneiro do ano 2021. Para poder negociar, Vitrasa aludía á necesidade de recuperar viaxeiros/as e cobrar o reequilibrio polas perdas derivadas da pandemia.
A día de hoxe estas premisas cumpríronse, os viaxeiros/as xa son os mesmos ou máis que antes da pandemia cun gasto menor para a empresa xa que hai bastantes menos expedicións (250 viaxes diarias menos e moitos menos quilómetros de percorrido) e un prezo do billete un 16% máis caro.
Vitrasa recibiu ademais un total 18 millóns de euros de compensación, mais continúa negándose a chegar a acordos co persoal por eses anos pasados. A oferta da empresa ao persoal unicamente fai referencia aos anos 2024 ao 2027 deixando 2021, 2022 e 2023 cunha perda de poder adquisitivo bastante significativa para os traballadores e sen melloras a nivel social.
Non se contemplan novos tempos de percorrido, insuficientes actualmente que dan lugar a unha rede de transporte que incumpre a puntualidade e non permite realizar uns descansos eficaces aos traballadores, non se mellora o calendario de vacacións e continuamos cunha xornada máxima diaria excesiva entre outras cousas.
Despois de 35 reunións de negociación que comezaron en decembro do ano 2020 e nas que desde o Comité de Empresa realizáronse diferentes propostas para tratar de achegar posturas que puxesen fin a este longo conflito; na última reunión do día 1 de outubro Vitrasa comunicou que non podía mellorar a súa última oferta polo que non propuxo nova data para continuar a negociación.
Chegados a este punto, tras 18 días sen negociación e ante a pasividade da empresa, vémonos obrigados/as a retomar as mobilizacións, iniciándoas cunha concentración nas portas da empresa o día 25 de outubro ás 8 da mañá.
Desde o comité solicitamos o pasado día 8 de outubro unha reunión co Concello de Vigo para consultar os detalles do reequilibrio e poñelos ao corrente da situación actual da que non temos resposta.
Entendemos que estas mobilizacións van supoñer novamente un trastorno para a cidadanía pero é a única maneira posible de reivindicar os nosos dereitos laborais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario