24 de out. de 2024

TUI

A Biblioteca Municipal de Tui premiada no concurso María Moliner, do Ministerio de Cultura 

  O galardón recoñece a calidade do Proxecto da Campaña de Animación Lectora promovido pola Biblioteca tudense


Biblioteca Pública Municipal de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui 

  A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de ser galardoada no Concurso de Proxectos da Campaña de Animación Lectora “María Moliner” 2024, na súa 24ª edición. Este prestixioso concurso, promovido polo Ministerio de Cultura e Deporte, premia os mellores proxectos dirixidos a toda a veciñanza, con especial atención a colectivos con dificultades para acceder á lectura, levados a cabo por bibliotecas públicas en municipios con menos de 50.000 habitantes.  

 O proxecto “Tui en letras” desenvolvido pola biblioteca tudense foi recoñecido pola súa contribución á promoción da lectura e a cultura consolidando á Biblioteca como un centro cultural activo, fomentando a participación en actividades que enriquezan a vida social e cultural de Tui.  Así a Biblioteca Municipal de Tui leva a cabo, dende hai máis de quince anos, o programa de actividades “Tui en letras” coincidindo coa celebración do “Día do libro”, 23 de abril, e “Día das Letras Galegas”, 17 de maio. Varias citas periódicas e outras actividades temporais centran este programa “Tui Le”, no que participan todas as bibliotecas escolares do noso municipio (ata 12 centros) así como a Biblioteca Municipal de Valença. Desde hai 25 anos celébrase, coincidindo co “Día das Letras Galegas”, a Feira do Libro en Galego na que participan as librerías da nosa  localidade e que conta con actividades de animación. Completa o programa un amplo abano de actividades de animación á lectura, promoción  da lectura pública e extensión bibliotecaria.  

 Este premio María Moliner está dotado con 2.777.77 euros, que  a Biblioteca  destinará á adquisición de libros e publicacións, que continuarán enriquecendo o seu fondo bibliográfico e garantindo un acceso continuo á lectura para toda a comunidade.  

 Para a concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, “este recoñecemento resalta o compromiso da Biblioteca de Tui coa promoción da lectura, e a súa dedicación para fortalecer os lazos culturais e sociais, consolidando o seu papel como un centro cultural activo e de referencia”. A concelleira amosa o seu agradecemento á poboación xa que  “a súa implicación e participación foi clave para o éxito deste proxecto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario