24 de out. de 2024

TUI

A ponte sobre o río Cotarel volve unir as parroquias de Randufe e Pazos de Reis 

 A infraestrutura vírase afectada polas choivas de xaneiro de 2023. As obras, cun investimento superior aos 192 mil euros, recuperaron o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna

     

Aspecto que presenta a día de hoxe esta infraestrutura, que vírase afectada polas intensas choivas de xaneiro de 2023
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 A ponte sobre o río Cotarel volve unir por estrada as parroquias de Randufe e Pazos de Reis. Esta infraestrutura vírase afectada polas intensas choivas de xaneiro de 2023, permanecendo pechada ao tráfico dende entón debido aos danos rexistrados. En maio deste ano tamén se pechou ao tránsito peonil debido ao inicio das obras. Deste xeito a veciñanza pode volver a empregar esta estrada, así coma os numerosos visitantes que ao longo do ano se achegan á ruta dos Muíños do río Tripes, que comeza nas inmediacións.  

 O proxecto executado, redactado pola empresa tudense de Enxeñería Técnica de Obras Públicas M3G PROYECTOS S.L., supuxo un investimento superior aos 192 mil euros, dos que o 77,7% foron aportados polo Concello de Tui de fondos propios e o 22,2% pola Deputación a través das subvencións para a reparación dos danos causados polas inundacións sucedidas nos concellos da provincia de Pontevedra.     

 As obras realizadas consistiron no desmontado da tubaxe metálica existente, e a execución dun novo paso elevado cun taboleiro de vigas prefabricadas sobre estribos en ambas marxes. Así recuperouse a circulación nesta estrada, ao tempo que se garante o caudal de desaugadoiro de avenida no regato Cotarel. Tamén foi recuperado o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna.    

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca que a obra realizada tivo gran complexidade técnica, e permitiu recuperar o trazado orixinal do leito fluvial, incrementando a capacidade de desaugadoiro.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario