23 de out. de 2024

TUI

Tui inicia a conta atrás para a celebración do seu Mercado de Nadal que amplía duración e duplica as casetas de expositores 

  Vén de abrir o prazo de solicitude para este evento que se vai celebrar do 30 de novembro ao 5 de xaneiro no paseo da Corredoira 




Infogauda / Tui

 O Mercado de Nadal de Tui regresará ao céntrico Paseo da Corredoira do 30 de novembro ao 5 de xaneiro, ampliando a 37 os días de celebración e a 20 as casetas de postos dispoñibles, duplicando as da pasada edición.  

 Serán case 40 días nos que tanto tudenses coma visitantes poderán gozar da maxia de Nadal en cada un dos postos a través de produtos propios destas datas coma agasallos, decoración, plantas, artesanía, e gastronomía. Precisamente a metade das casetas, un total de 10, conformarán un espazo gastronómico de Nadal no mercado onde as especialidades desta datas e as tradicionais farán a delicias das persoas visitantes.  

 O Concello de Tui, organizador do evento, busca co mesmo promover o comercio local, dinamizar a vida no centro da cidade e ofrecer unha experiencia de Nadal única tanto para residentes como para visitantes, nun dos eventos máis agardados da programación festiva.  

 O Mercado de Nadal volverá ser do 30 de novembro ao 5 de xaneiro un lugar de encontro, de tradición e de sabor.  

 As persoas interesadas en participar coma expositores poden presentar a súa solicitude, a través do formulario habilitado en liña, até ás 23 h do martes 5 de novembro. Amais deberán enviar tres fotografías representativas do seu produto a  mercadonadaltui@gmail.com

 Ao cubrir o formulario deberán indicar os produtos a expor e se son fabricados artesanalmente, entre outras cuestións, así coma indicar a quenda ou quendas nas que está interesado en participar. A primeira quenda será do 30 de novembro ao 12 de decembro de 2024, a segunda do 13 ao 24 de decembro de 2024 e a terceira do 26 de decembro de 2024 ao 5 de xaneiro de 2025.  

 As bases completas pódense consultar en tui.gal podendo ampliar a información no departamento de Comercio e Turismo.    

Formulario de solicitude  

Bases de participación Mercado de Nadal 2024/25

Ningún comentario:

Publicar un comentario