21 de out. de 2024

TUI

Tui enxalzará a cabaza na cuarta feira deste produto 

  Mercado, demostracións de cociñado, catas, música, obradoiros, espectáculos  e concurso-exposición forman parte do amplo programa a celebrar no Mercado de San Antonio 




Infogauda / Tui

 Reivindicar a cabaza, nas súas distintas variedades e usos, así coma as súas propiedades é o obxectivo da IV Feira da Cabaza, organizada polo Concello de Tui que se vai celebrar este sábado 26 e domingo 27 e o próximo xoves 31 de outubro no Mercado de San Antonio.  

 O sábado ás 10 h terá lugar a inauguración oficial e apertura do mercado de cabazas e produtos de temporada no que se poderá atopar, amais das cabazas, cestería, marmeladas, cogomelos, castañas, noces, mel, galletas, queixos e embutidos.  Poderase visitar tanto o sábado coma o domingo de 10 a 14 h e de 17 a 21 h.  

 Pero amais do mercado a IV Feira da Cabaza acollerá un amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos. Así haberá showcooking coa cociñeira Noelia Figueiras Vega, xerente de Ministerio del Fogón o sábado ás 12 h, do chef afincado en Tui Judicael Romero con “Innovacións con cabaza”, un proxecto no que fusiona tradición e modernidade empregando a cabaza coma fío condutor o domingo ás 12 h para os que é preciso inscribirse na Oficina de Turismo. Tamén cata de viños e tapas de mercado don D’Calle  e Almacén Urbano con viños maridados con tapas elaboradas a base de cabazas e outros produtos de outono. Neste caso a participación ten un prezo de 25€/persoa debendo realizarse a inscrición en Almacén Urbano.  

 Tanto o sábado coma o domingo ás 13 h haberá sesión vermú con D’Calle e Almacén Urbano.  

 Os máis pequenos e pequenas, con idades entre os 3 e 11 anos, poderán gozar no obradoiro de cociña de Hogwarts no que elaborarán Snitch dorada de cacahuete, Ovos de dragón de Hagrid, e Crías de Aragog, e batidos das casas de Hogwarts. Amais está prevista unha charla, a cargo de María López nutricionista do Centro de Saúde de Tui, sobre “A cabaza nunha alimentación saudable”.  

 Non faltarán na programación outras actividades coma o espectáculo “A maxia das cabazas do profesor Wocky” e a actuación do saxofonista Marcos Sabor.  

 Mentres o xoves 31 celebrarase dentro da IV Feira da Cabaza un concurso-exposición no que todas as persoas participantes recibirán un agasallo para o que deberán entregar as súas cabazas decoradas a partir das 9 h no Mercado de San Antonio. Ás 14 h o xurado reunirase para entre todas as propostas presentadas entregar o premio á cabaza máis creativa e elaborada.  Esa mesma tarde, a partir das 16 h, haberá pintacaras no mercado, e ás 17 h comezará o truco-trato polo comercio local en colaboración con ACITUI.  

 As actividades pecharanse cun roteiro nocturno de Samaín polo conxunto histórico do que nos próximos días se darán a coñecer todos os detalles.  

 A cabaza tamén será protagonista na hostalería local xa que na súa oferta gastronómica durante estes días incorporarán pratos elaborados con este produto.  

 Coa celebración da IV Feira da Cabaza o concello de Tui pon en valor e promoción do produto local e de temporada. A concelleira de Comercio e Mercado, Ana  Núñez, salienta que con esta consolidada feira quérese “amosar a versatilidade deste produto e as súas múltiples variedades, tanto en receitas como en usos, ademais de subliñar as súas propiedades saudables”. Engade a concelleira de Comercio e Mercado de Tui que “a feira non só é un espazo para adquirir cabazas e produtos de tempada, senón tamén un punto de encontro para a tradición, a cultura, o entretemento e a gastronomía. Agardamos que as actividades, dende as demostracións de cociñado ata os obradoiros e concursos, sexan un éxito e que a veciñanza e os visitantes gocen desta celebración no Mercado de San Antonio”.  

 Pola súa banda o alcalde, Enrique Cabaleiro, salienta  que esta Feira da Cabaza é unha magnífica oportunidade para celebrar as tradicións vinculadas ao outono, buscando que a feira sexa un lugar de encontro tanto para a veciñanza coma para visitantes e turistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario