Nova aventura literaria para a cativada cos ‘Venres Rebuldeiros’ no Rosal
• Este venres 18 a Biblioteca municipal acollerá ás 18.00 h de balde o contacontos ‘A bruxa Maruxa non quere ser bruxa’
Infogauda / O Rosal
A maxia dos libros regresa esta semana á biblioteca municipal do Rosal. A biblioteca municipal vai acoller este venres 18 de outubro, ás 18.00 horas, unha nova sesión dos ‘Venres Rebuldeiros’, un ciclo de contacontos que busca introducir á cativada no apaixonante mundo da lectura e da literatura dun xeito ameno e divertido.
A biblioteca municipal converterase nunha sala de aventuras con ‘A bruxa Maruxa non quere ser bruxa’, un espectáculo para nenos e nenas de 5 a 10 anos no que participarán de forma activa para axudar a Maruxa a deixar atrás a súa vida de bruxa e transformarse en contiñeira.
A través das súas historias, que entrelazan contos da literatura galega con cancións populares, as e os asistentes participarán de forma activa, repetindo cantigas, facendo maxia e contribuíndo á narración dos contos. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con esta iniciativa “cada venres abrimos as portas a un mundo de fantasía que estimula a imaxinación e o amor pola literatura da nosa cativada de forma lúdica e participativa”.
Esta actividade, de balde, está enmarcada na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario