15 de out. de 2024

O ROSAL

Nova aventura literaria para a cativada cos ‘Venres Rebuldeiros’ no Rosal  

 Este venres 18 a Biblioteca municipal acollerá ás 18.00 h de balde o contacontos ‘A bruxa Maruxa non quere ser bruxa’ 

   

A biblioteca municipal converterase  nunha sala de aventuras con ‘A bruxa Maruxa non quere ser bruxa’
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 A maxia dos libros regresa esta semana á biblioteca municipal do Rosal. A biblioteca municipal vai acoller este venres 18 de outubro, ás 18.00 horas,  unha nova sesión dos ‘Venres Rebuldeiros’, un ciclo de contacontos que busca introducir á cativada no apaixonante mundo da lectura e da literatura dun xeito ameno e divertido.  

 A biblioteca municipal converterase  nunha sala de aventuras con ‘A bruxa Maruxa non quere ser bruxa’, un espectáculo para nenos e nenas de 5 a 10 anos no que participarán de forma activa para axudar a Maruxa a deixar atrás a súa vida de bruxa e transformarse en contiñeira.  

 A través das súas historias, que entrelazan contos da literatura galega con cancións populares, as e os asistentes participarán de forma activa, repetindo cantigas, facendo maxia e contribuíndo á narración dos contos. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con esta iniciativa “cada venres abrimos as portas a un mundo de fantasía que estimula a imaxinación e o amor pola literatura da nosa cativada de forma lúdica e participativa”. 

 Esta actividade, de balde, está enmarcada na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario