A Aula de Teatro Municipal do Rosal volve subir o pano para público adulto
• Xa está aberto o prazo de inscrición para estas clases de teatro dirixidas a maiores de 16 anos que se desenvolverán de novembro a xuño nas Escoliñas, de Simón do Mazo
Infogauda / O Rosal
O Rosal aposta de novo polo teatro abrindo un ano máis a súa Aula de Teatro Municipal para público adulto, unha oportunidade única para que a veciñanza maior de 16 anos poida mergullarse nas artes escénicas. Cun enfoque práctico e dinámico, estas clases dirixidas pola Artística impartiranse todos os mércores de 20.30 a 22.00 horas nas Escoliñas, de Simón do Mazo, dende o vindeiro mes de novembro ata xuño.
“Queremos que o teatro chegue a todos e todas e que este espazo se converta nun punto de encontro onde florezan as inquedanzas artísticas de rosaleiros e rosaleiras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A iniciativa busca proporcionar un espazo de aprendizaxe no que as e os participantes poidan traballar aspectos esenciais como a improvisación, a creación de personaxes ou a expresión dramática.
O prezo da actividade será de 20 euros ao mes e deberá haber un grupo mínimo de 10 persoas para que se inicien as clases. O Concello xa abriu o prazo de inscrición e as persoas interesadas poden solicitar información ou reservar a súa praza chamando ao teléfono 986 625 000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario