1 de out. de 2024

O ROSAL

Outono de historias, festas e tradicións no Rosal  

 O Concello prepara unha ampla programación de actividades para desfrutar os meses de outubro e novembro   




Infogauda / O Rosal 

 Outono inesquecible no Rosal cunha axenda cargada de propostas culturais, festivas, educativas e de lecer pensadas para todos os públicos. Unha programación variada coa que o Concello aposta por facer dos meses de outubro e novembro unha época vibrante e chea de experiencias, “achegando actividades diferentes, orixinais e divertidas a rosaleiros e rosaleiras, apostando por novos programas de lecer e consolidando outros que xa levan con nós varias edicións sempre con grande éxito de público”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Festa do Outono do Pilar

 Un dos grandes protagonistas será o ciclo de contacontos ‘Venres Rebuldeiros’, unha iniciativa que durante os venres de outubro busca facer da lectura unha verdadeira aventura e que a rapazada descubra o apaixonante mundo da literatura dun xeito ameno e divertido. A programación inclúe tamén a tradicional Festa do Outono do Pilar, que do 11 ao 13 de outubro encherá a praza do Calvario do Rosal, de música, gastronomía, cabaqueiros e diversión para todas e todos.  

 Entre as novidades deste outono está a xincana de Samaín, unha actividade de balde pensada para público infantil e familiar na praza do Calvario a tarde do 31 de outubro que dará paso ao tradicional magosto popular. Tamén por primeira vez, o Concello do Rosal acollerá o seu pleno infantil, un paso máis no seu compromiso para converterse en Cidade Amiga da Infancia. Con esta iniciativa dáselle voz ás novas xeracións, promovendo o seu protagonismo na vida municipal e no futuro do seu municipio. 

Xornadas de Patrimonio

 A cultura e a historia local terán o seu espazo coas xa consolidadas Xornadas de Patrimonio, que nesta ocasión contarán cunha nova sesión o 22 de novembro na que se conmemorará os 300 anos do retablo barroco da igrexa de santa Mariña do Rosal cunha charla a cargo do párroco rosaleiro Julio Ramos e de Juan Monterroso, unha oportunidade única para descubrir os segredos deste patrimonio histórico tan relevante.  

Novembro: teatro para público adulto

 Ademais, entre outras actividades, novembro chegará cargado de teatro con tres propostas para público adulto os domingos pola tarde ao abeiro do circuíto da Deputación de Pontevedra ‘+Escénicas’: ‘Neura’, de Ste Xeito Producións; ‘Don Juan’, a cargo da Compañía Chirlomirlo Teatro da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe; e ‘Desexo’, da compañía Talía Teatro.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario