O Torneo Transfronteirizo do Minho converterá á Guarda e O Rosal, nas capitais do balonmán
Este venres, 1 de novembro, desde ás 11:00 horas, nos pavillóns municipais A Sangriña e do Rosal, respectivamente
Na noitiña de onte mércores 30 de outubro, no salón de actos do Centro Cultural de A Guarda, presentouse de xeito oficial o I Torneo Internacional Transfronteirizo do Minho de balonmán.
Entre os asistentes estiveron Roberto José Álvarez Carrero, deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra e alcalde de A Guarda; Ignacio Permuy Varela e Fernando Mosquera Pérez, vicepresidentes da Federación Galega de Balonmán; Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Deportes; e Isidro Lomba Lorenzo, concelleiro de Infraestruturas, ambos do Concello de A Guarda; tamén varios dos directivos e directivas da Federación Galega de Balonmán.
Tanto Ignacio Permuy coma Roberto José Álvarez Carrero resaltaron a importancia deste torneo e do impulso da colaboración con Portugal para o balonmán galego. Ademais, o alcalde de A Guarda resaltou a importancia de seguir apoiando o deporte en Galicia e fomentar as relacións, tamén neste ámbito, cos nosos veciños de Portugal.
O acto tamén contou coa intervención de Ismael Martínez e Luis Montes, directores técnicos das seleccións galegas, os cales expresaron a súa satisfacción por esta iniciativa e pola oportunidade de contribuír ao desenvolvemento do balonmán de base en Galicia.
Ademais, moitas xogadoras e xogadores, así como os seus familiares acudiron ao Centro Cultural. Isto débese a orixe guardesa dalgunhas participantes. O propio Mecalia Atlético Guardés estará participando co seu equipo de cadetes feminino ás 17:00 horas contra Porto Sub16, no pavillón do Rosal.
Mais a representación guardesa tamén inclúe as bases das seleccións con galegas con: Ángela Martínez e Daniela Álvarez (infantil feminina); Julia Lomba (cadete feminina) e Carmen Magallanes (xuvenil feminina). Daniela Álvarez comentaba “o gran orgullo que é usar a camiseta da Selección galega”. A súa nai, Lidia Lomba, manifestaba o sentir dos familiares das xogadoras, xa que “é algo moi bonito e especial, digno de vivir”, aínda que sexa “sacrificado polos adestramentos e desprazamentos longos”.
O presidente do Mecalia Atlético Guardés, Jesús López González, sabe da importancia deste torneo para as xogadoras e “teñan a posibilidade de ir ao Campionato de España (3 ao 8 de xaneiro) e que representen a Galicia, a España e ao noso club”.
A actividade no pavillón guardés comezará ás 11.00 horas, cun primeiro partido entre a Selección Galega infantil feminina e a Associação de Andebol do Porto sub14 feminina. Tódolos encontros celebrados este venres na Sangriña serán entre as preseleccións autonómicas de base masculinas e femininas e diferentes categorías deste equipo portugués, xunto cun derradeiro partido ás 19.30 horas entre a Selección Galega xuvenil masculina e o Grupo Desportivo e Cultural Azurara.
A xornada finalizará coas entregas de premios dos encontros celebrados en cadanseu pavillón, a partir das 19.00 horas, no pavillón de A Guarda, e ás 20.00 horas, no pavillón do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario