31 de out. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN

A Sangriña acollerá o I Torneo Transfronteirizo do Minho   

Este venres 1 de novembro A Sangriña, xunto co pavillón municipal do Rosal, serán as sedes desta nova competición entre Galicia e Portugal  

O evento incluirá partidos entre preseleccións galegas de base e categorías inferiores de equipos galegos e portugueses  

O Mecalia cadete disputará un partido amigable coa Associação de Andebol do Porto ás 17.00 horas no Rosal  

O club estará ademais presente no torneo como anfitrión e a través de catro xogadoras convocadas para as seleccións femininas 

 



 Redacción / Deportes 

 A Guarda vai acoller este venres 1 de novembro a primeira edición do Torneo Internacional Transfronteirizo do Minho, unha nova competición de balonmán organizada por equipos e institucións de Galicia e Portugal para impulsar as relacións deportivas e culturais entre as súas rexións limítrofes. A Sangriña, xunto co pavillón municipal do Rosal, actuará como sede do evento acollendo distintos encontros durante toda a xornada, nos cales participarán varias xogadoras da base do Mecalia Atlético Guardés.  

 A actividade no pavillón guardés comezará ás 11.00 horas, cun primeiro partido entre a  Selección Galega infantil feminina e a Associação de Andebol do Porto sub14 feminina. Tódolos encontros celebrados este venres na Sangriña serán entre as preseleccións autonómicas de base masculinas e femininas e diferentes categorías deste equipo portugués, xunto cun derradeiro partido ás 19.30 horas entre a Selección Galega xuvenil masculina e o Grupo Desportivo e Cultural Azurara:

Pavillón municipal A Sangriña (A Guarda)  

11.00 horas

Sel. Galega Infantil Feminina – A. Andebol Porto Sub14 Feminina  

12.30 horas

Sel. Galega Cadete Feminina – A. Andebol Porto Sub16 Feminina  

15.45 horas

Sel. Galega Infantil Masculina – A. Andebol Porto Sub14 Masculina  

17.15 horas

Sel. Galega Cadete Masculina – A. Andebol Porto Sub16 Masculina  

19.30 horas

Sel. Galega Xuvenil Masculina – GDC Azurara  

 Estes partidos servirán de tests para as Seleccións Galegas de base de cara ao vindeiro Campionato de España de seleccións autonómicas (CESA), que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro de 2025 en Cataluña. O Mecalia Atlético Guardés estará presente nas preseleccións deste venres a través das súas catro xogadoras de base convocadas polo conxunto autonómico: Ángela Martínez e Daniela Álvarez (infantil feminina), Julia Lomba (cadete feminina) e Carmen Magallanes (xuvenil feminina).  

 Pola súa parte, esta primeira edición do evento celebrarase de xeito paralelo no pavillón municipal do Rosal, a súa sede secundaria. Tamén dende as 11.00 horas, as instalacións rosaleiras acollerán diferentes partidos amigables coas categorías mencionadas da AA Porto, pero neste caso ante conxuntos galegos. Entre eles, o Mecalia Atlético Guardés medirase coas súas cadetes ás 17.00 horas co Porto Sub16 feminino, e estará de novo presente nun último encontro entre a preselección Galega xuvenil feminina e o portugués Maia Stars ás 18.45 horas:

Pavillón Municipal do Rosal

11.00 horas

Valinox Novás Infantil Masculino – A. Andebol Porto Sub14 Masculina

12.30 horas 

Valinox Novás Cadete Masculino – A. Andebol Porto Sub16 Masculina

15.30 horas 

Club BM Porriño Infantil Feminino – A. Andebol Porto Sub14 Feminina

17.00 horas

Mecalia Atl. Guardés Cadete Feminino – A. Andebol Porto Sub16 Feminina

18.45 horas 

Sel. Galega Xuvenil Feminina – Maia Stars  

 Por último, a xornada finalizará coas entregas de premios dos encontros celebrados en cadanseu pavillón, a partir das 19.00 horas:

Entregas de premios 

A Sangriña  

19.00 horas

Infantil Masculina

Infantil Feminina

Cadete Feminina

Cadete Masculina  Sub14 e Sub16

Pavillón municipal do Rosal

20.45 horas

Xuvenil Masculina GDC Azurara

20.00 horas

Xuvenil Feminina Maia Stars

  Este evento trátase da primeira edición dun Torneo que “trata de impulsar o territorio transfronteirizo coma destino de natureza e deporte”. A organización, composta pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Deporte Galego, a Federación Galega de Balonmán e os concellos de A Guarda e do Rosal, considera que os encontros deportivos entre os equipos dos municipios do Baixo Miño e do norte do Portugal son demasiado esporádicos.   

 Nesta liña, esta iniciativa trata de aumentalos, fomentando estas relacións transfronteirizas e que tódolos implicados poidan gozar “da riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica” da contorna da desembocadura do Miño, e por suposto considera celebrar novas edicións nos vindeiros anos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario