17 de set. de 2024

TURISMO

A Deputación de Pontevedra e a Ruta do Viño Rías Baixas estrean os Buses da Vendima con percorridos desde Pontevedra e Vigo ata o Condado e O Rosal, esta fin de semana 

Con esta proposta preténdese dar a coñecer o proceso de recollida da uva nas subzonas do Condado, o sábado 21 de setembro, e O Rosal, o domingo 22. Ofértanse 20 prazas cada día e as entradas pódense adquirir xa en ataquilla.com


Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 A Deputación de Pontevedra xunto coa Ruta do Viño Rías Baixas estrean os Buses da Vendima, unha iniciativa a través da cal pretenden dar a coñecer o proceso de recollida da uva nas subzonas do Condado, o sábado 21 de setembro, e O Rosal, o domingo 22. En total, ofértanse 20 prazas para cada un dos días e as entradas pódense adquirir xa en ataquilla.com a un prezo de 18,50 € por persoa.  Os autobuses partirán e chegarán a Pontevedra e Vigo.  

 O bus da vendima pola subzona do Condado do Tea contempla unha parada na adega Señoría de Rubiós para coñecer o proceso, así como unha visita a Nande hotel da Natureza e un paseo por Ponteareas antes de rematar a xornada cunha visita guiada ao Castelo de Sobroso. Inclúe as visitas, a explicación do proceso de elaboración do viño, a participación na propia vendima e unha cata de mosto e viños da bodega con aperitivo. A saída será ás 9.30 de Pontevedra (Praza de Galicia) e ás 10:00 horas de Vigo (Centro Comercial A Laxe) con chegada ás 19:30 horas a Vigo e ás 20.00 horas a Pontevedra.  

 Pola súa banda, o percorrido pola subzona do Rosal inclúe a visita a adega Terras Gauda, unha visita á Guarda e un paseo en barco histórico polo río Miño. Inclúe as visitas, o proceso de elaboración dos viños tanto en viñedos coma no interior da adega, a participación na propia vendima, unha cata de mostos e a degustación de tres viños acompañados dun aperitivo. A saída, ao igual que a ruta anterior, será ás 9:30 de Pontevedra (Praza de Galicia) e ás 10:00 horas de Vigo (Centro Comercial A Laxe) con chegada ás 19:30 horas a Vigo e ás 20:00 horas a Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario