PIRAGÜISMO
O TEIXUGO MANU OCHOA CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CAIAC CROSS
Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera
Do 6 ao 8 de setembro os mellores palistas de slálom español déronse cita no Parc Olimpic do Segre para celebrar os Campionatos de España de Slálom e de Caiac Cross.
O Campionato de Caiac Cross, comezou na tarde do sábado coa contra reloxo que determina os emparellamentos e orde de saída dos enfrontamentos e rematou na mañá do domingo cos cuartos, semifinais e finais. Dos trinta deportistas que tomaron a saída só os dezaseis mellores tempos acadaban praza para a seguinte rolda.
Nesta modalidade participaron Luís Fernández e Manu Ochoa. Os dous acadaron praza en cuartos de final, Luís ao rematar co sétimo mellor tempo, e, Manu, gañando con claridade a proba nunha baixada espectacular e rapidísima. O domingo Luís caeu en cuartos de final ao entrar terceiro da súa serie, rematou a proba en noveno lugar. Pola súa banda, Manuel gañou claramente as tres series, cuartos, semifinais e finais, moi por diante de tódolos seus contrincantes, proclamándose campión de España desta modalidade, que cada vez conta con máis seguidores.
Este dobre campionato iniciouse co slálom. Venres celebráronse as clasificatorias e o sábado de mañá as semifinais e finais. O club Deportivo Miño levou tan só tres deportistas ao evento, e a pesares de ter opcións a medalla e realizar unha boa actuación, viñeron de baleiro.
Brais Castro, en C1 sénior, conseguiu na tarde do venres o seu paso a semifinais e o sábado quedou fóra de finais por moi pouco, rematando undécimo.
Luís Fernández, tamén en C1 sénior, o venres gañou as clasificatorias cunha baixada espectacular, superou as semifinais co cuarto mellor tempo, e, xa nas finais, fixo unha gran baixada, que o colocaban no segundo lugar, pero unha penalización máis que dubidosa, relegárono finalmente ao décimo lugar.
Manuel Ochoa, en K1 sénior, tamén superou clasificatorias e semifinais nos postos de cabeza, e, na final, fixo unha gran baixada sen penalizacións, rematando cuarto.
Remata o Campionato de España, última e máis importante competición da Liga Española de Slálom sen medallas para os teixugos, pero demostrando nas distintas mangas que están entre a elite do slálom español.
Tanto Luís como Manu parten esta semana cara a Ivrea onde disputarán unha Copa do Mundo. Luís en canoa, e Manu en caiac e en cross.
Ningún comentario:
Publicar un comentario