3 de set. de 2024

BAIONA

A Xunta aposta polo potencial de Galicia para converterse nun referente do turismo náutico "sostible e de calidade" co seu apoio ás competicións deportivas 

O Monte Real Club de Yates de Baiona acolle do 6 ao 8 de setembro o Trofeo Príncipe de Asturias, unha das tres competicións náuticas máis importantes de España


Participantes na presentación da 39ª edición da regata Trofeo Príncipe de Asturias e a 28ª da Gestilar Ladies Cup, celebradas no Monte Real Club de Yates 

Foto: X. G.

Infogauda / Baiona 

 A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destacou hoxe a aposta do Goberno galego para converterse nun referente do turismo náutico "sostible e de calidade", que será un dos "alicientes de peso para todos os que nos visitan", xa que Galicia ten potencial para "transformarse nun destino de primeira orde" neste eido. 

 "É, sen dúbida, un desafío crucial que nos diferenciará e nos situará ao fronte dun turismo sustentado sobre o territorio, o coidado do medio ambiente e a xestión eficiente das infraestruturas", resaltou Méndez na presentación do 39º Trofeo Príncipe de Asturias, que se celebrará no Monte Real Club de Yates de Baiona do 6 ao 8 de setembro. No acto estivo acompañada do presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez Méndez; e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. 

 A Xunta de Galicia apela ao valor engadido que achega a combinación entre turismo e deporte con probas deportivas de primeiro nivel para incrementar a presenza internacional da marca Galicia e dar a coñecer a través de competicións coma estas a oferta turística da comunidade e, sobre todo, de Baiona. A Xunta está facendo unha forte aposta para converter a Comunidade no destino preferido dos amantes da náutica. Actualmente coa axuda dos fondos europeos Next Generation investiu máis de 3 millóns de euros para modernizar as infraestruturas náuticas, con accións de mellora de eficiencia enerxética ou a dixitalización de recursos. 

 Probas deportivas como o Trofeo Príncipe de Asturias contribuirá tamén a proxectar a comunidade galega como un lugar idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel.  Por iso,  cabe destacar a importancia da calidade dos servizos que se prestan nos puntos de amarre como é o caso do Monte Real Club de Yates de Baiona, que conta coa certificación de Galicia Calidade e a Q de Calidade. Nestes días os deportistas poderán coñecer de primeira man os produtos certificados polo organismo dependente de Turismo de Galicia con degustacións diarias ao remate das probas de productos de varias empresas galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario