8 de ago. de 2024

TUI

En setembro terá lugar en Tui un curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista 

Será impartido por Priscila Retamozo e Cristina Louzán, os xoves de 19 a 21 horas, na Sala Félix Rodríguez    




Infogauda / Tui

 O Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, co financiamento do Plan Corresponsables da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, organiza un Curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista que se vai celebrar os xoves do mes de setembro.  

 As expertas en igualdade Priscina Retamozo e Cristina Louzán impartirán esta actividade formativa que ten por obxectivo achegar as principais correntes de pensamento feminista e contextualizar historicamente as diferentes “ondas do feminismo”. Ao longo de cinco sesións, exploraranse as contribucións intelectuais de figuras relevantes, promovendo a reflexión crítica sobre os debates actuais no seo do feminismo. Ademais, fomentarase a capacidade de aplicar conceptos teóricos á vida cotiá e crearase un espazo seguro para a reflexión, onde estarán presentes as dinámicas de coidado.  

 O curso celebrarase na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, os xoves 5, 12, 19, 26 e 30 de setembro en horario de 19 a 21 h. Abordará ao longo de cinco módulos “Os comezos”, “Primeira onda”, “Segunda onda”, “Terceira onda” e “Cuarta onda” para explorar as principais correntes de pensamento feminista, desde os seus comezos ata os debates contemporáneos.  

 Priscila Retamozo Ramos é Politóloga (USC), conta coa Mestría en igualdade (UMA), é autora de libros de coeducación, realizou unha estancia na ONU Mulleres (2018) e foi recoñecida co Premio Emilia Pardo Bazán no País das Rías. Pola súa banda Cristina Louzán García é axente de igualdade especializada en teoría feminista (UDC), coordina proxectos e imparte formacións de igualdade para organizacións e cidadanía.   

 Esta actividade gratuíta conta con prazas son limitadas que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas poden inscribirse no formulario, no Centro Municipal de Formación, en Guillarei, ou no teléfono 986 60 39 48.  

 A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, salienta coma este curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista “é unha oportunidade única para afondar nos debates máis actuais sobre igualdade e dereitos das mulleres”. Por iso convida a inscribirse neste espazo de aprendizaxe e reflexión no que se tratará  trataremos a historia do feminismo e as distintas correntes que teñen moldeado o pensamento crítico contemporáneo.  Lembra Ana Núñez coma ao longo do ano o Concello de Tui desenvolve distintas iniciativas para “promover á igualdade, tanto para o público en xeral coma para a poboación escolar, co obxectivo de lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria”.    

Inscrición 

Ningún comentario:

Publicar un comentario