8 de ago. de 2024

PONTEVEDRA

A CIG denuncia o protocolo do CHOP que obriga ao persoal de emerxencias a agardar cos doentes até que pasen a triaxe 

Cuestionan a orde dada pola dirección de Urxencias ou pola Xerencia que está ocasionando retrasos considerables na nova posta a disposición das ambulancias para outros servizos 


Foto: CIG


Infogauda / Pontevedra

 O persoal de Emerxencias Sanitarias denuncia que nas urxencias do CHOP (Montecelo e Salnés) teñen que agardar pola triaxe dos doentes que chegan nunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVB). Explican que no caso do Hospital de Montecelo, entrementres, as ambulancias non poden saír a facer un novo servizo. Canto ao hospital do Salnés sinalan que teñen que agardar pola falta de padiolas, nalgúns casos, ou por non haber box dispoñibles para os doentes. Eximen de toda responsabilidade ao persoal de Urxencias e apuntan a quen deu esta orde: a dirección de Urxencias ou a Xerencia. 

 Segundo explica o representante da FGAMT-CIG Xavier Aboi, esta norma supón unha espera innecesaria para pasar o doente a cargo do Hospital para a súa triaxe, “mantendo ocupada e inoperativa unha ambulancia durante un tempo indeterminado, tendo que estar os técnicos co doente, nalgúns casos en cadeira de rodas, desde 15 minutos a máis de 1 hora, e estando en ocasións varias ambulancias por este motivo paradas ao mesmo tempo”. 

 Neste sentido sinala que parte de problema vén do colapso no que están os PACs “provocado pola consellaría de Sanidade” e afirma que se a decisión deriva da falta de persoal “o que teñen que facer é contratar máis”. 

Poboación triplicada en época estival 

 Aboi advirte que nun tempo no que a poboación aumenta até triplicarse en época estival, “non se pode permitir que os vehículos de Emerxencia, cada vez máis saturados e demandados, estean parados no hospital por unas normas absurdas e sen ningún tipo de criterio”.  

 Sinala que isto supón que en todos os casos en que un doente solicite un vehículo de Emerxencias Sanitarias “teña que esperar até que este se libere en urxencias do hospital, dándose casos de patoloxías tempo dependentes (infartos, ictus, paradas cardio respiratorias ou accidentes) nos que estas unidades de Soporte Vital non chegan a tempo para unha atención sanitaria de calidade, influíndo negativamente na saúde do doente”. 

 Por iso a FGAMT-CIG e o persoal de emerxencias sanitarias denuncia que a dirección do 061 “a sabendas de estas prácticas non fai absolutamente nada para mudar esta situación”, máis cando a central de Coordinación ten a potestade para xestionar os recursos de Emerxencias, pero “mira cara outro lado, en lugar de tentar mudar esta situación”.

O 061 “agóchase” provocando un clima de tensión 

 A CIG denuncia ademais que a central de coordinación 061 “é coñecedora desta situación”, que no canto de resolvela “agóchase” e que o fai é presionar ao persoal técnico (TES) creando un clima de tensión que “afecta os riscos psicosociais dos profesionais o servizo”. 

 Por iso exixe que se mude esta practica e solicita que se faga igual que noutras áreas sanitarias, nas que cando unha USVB chega o servizo de urxencias, esta queda liberada do doente, facéndose cargo o propio servizo de urxencias do hospital e quedando a unidade de soporte vital operativa nun tempo mínimo.  

 Anuncia ademais que solicitarán unha reunión coa dirección da EOXI e de Urxencias da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés así como coa dirección do 061, porque entenden que “non pode darse máis esta situación, de ambulancias inoperativas na porta de urxencias de Montecelo cando son tan necesarias na rúa”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario