9 de ago. de 2024

O ROSAL

O Concello do Rosal denuncia a suba do canon de Sogama por parte da Xunta de Galicia e o seu modelo ineficiente de xestión    

A subida do canon de Sogama impulsada pola Xunta de Galicia suporá un aumento do custo para a veciñanza de preto de 40.000 euros   


Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

   “O Concello do Rosal amosa a súa oposición ante a recente proposta da Xunta de Galicia de incrementar nun 33,3% o canon de Sogama para o tratamento de residuos. Este aumento suporá un incremento de preto de 40.000 euros no custo para os veciños e veciñas. 

 A realidade amosa e demostra que o modelo de xestión de residuos que a Xunta leva anos defendendo e executando a través da xestión de SOGAMA non só é ineficiente e insostible medioambientalmente co incumprimento recorrente dos obxectivos europeos na xestión de residuos por parte da Comunidade Autónoma, senón que agora esta xestión ineficiente da Xunta vai supoñer un incremento económico tamén para os veciños e veciñas co aumento que o organismo autonómico acaba de aprobar do canon de SOGAMA. Fronte a esta situación, desde o Concello seguiremos a traballar como ata o momento nun modelo de xestión alternativa dos residuos fomentando a compostaxe, tanto comunitaria no núcleo urbano como individual nas zonas rurais. Vimos de adquirir recentemente outros 90 composteiros individuais.   

 Ó longo das últimas semanas sucedéronse unha serie de incidencias na recollida que provocou a acumulación de lixo nas rúas, que mais alá do que supoñen estes problemas puntuais na recollida o que se demostra unha vez mais é  a ineficacia do modelo totalmente obsoleto que defende a Xunta de Galicia. 

 Ante a realidade descrita, o Concello do Rosal reitérase na súa postura contraria ao proposto pola Xunta de Galicia, e demándase unha resposta inmediata ante esta situación que afecta directamente aos veciños e veciñas da comarca. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario