1 de xul. de 2024

TOMIÑO

A XUNTA DE GALICIA DÁ UN NOVO PULO Á AUTOVÍA TUI-A GUARDA COA APROBACIÓN DO PROXECTO DE TRAZADO DO DESDOBRAMENTO DA PO-552 EN FIGUEIRÓ, NO CONCELLO DE TOMIÑO  

Coa aprobación hoxe deste proxecto complétase todo o trazado da vía de alta capacidade, despois de que no mes de febreiro se aprobase o treito entre a PO-350 e Estás 

O Goberno galego autoriza tamén o proxecto de trazado de adaptación dos camiños de servizo previstos na reformulación do proxecto para converter en autovía o actual treito da PO-552, entre a glorieta de Goián e o acceso ao núcleo de Estás 

A Xunta destinará a esta actuación un investimento que supera os 11,5M€ co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na denominada recta de Figueiró, que soporta uns 14.700 vehículos de media diaria 

Autorízanse as expropiación para executar as obras necesarias no treito de 2,1 km da PO-552 

O Goberno galego segue traballando para que a nova autovía Tui–A Guarda sexa unha realidade no marco da súa política de conseguir unha Galicia mellor vertebrada, máis cohesionada e máis competitiva 

Considerando todos os treitos, o eixe de alta capacidade para vertebrar o Baixo Miño supón un investimento de máis de 180 M€, dos cales 85 xa están executados 


Imaxe do proxecto de trazado do desdobramento da estrada PO-552 en Figueiró, no concello de Tomiño
Fonte: X.G.


Infogauda / Tomiño

 O Consello da Xunta acordou hoxe avanzar no impulso da autovía Tui-A Guarda coa aprobación do proxecto de trazado do desdobramento da estrada PO-552 en Figueiró, no concello de Tomiño. Coa aprobación deste proxecto complétase todo o trazado da vía de alta capacidade, despois de que no mes de febreiro se aprobase o treito entre a PO350 e Estás. 

 O Executivo autonómico autorizou tamén hoxe o proxecto de trazado de adaptación dos camiños de servizo previstos na reformulación do proxecto para converter en autovía o treito de 2,1 quilómetros da estrada PO-552, no tramo comprendido entre o acceso ao núcleo de Estás -en que comeza o treito da vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda, actualmente en servizo- e a glorieta de Goián. 

 O Goberno galego destinará a esta actuación un investimento que supera os 11,5M€ co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da PO-552 na denominada recta de Figueiró, que soporta uns 14.700 vehículos de media diaria, e prevé unha glorieta intermedia que conecte coa parroquia do mesmo nome. 

 A aprobación definitiva destes proxectos comporta tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 125 terreos necesarios para executar esta intervención. 

 A intervención autorizada hoxe polo Goberno galego permitirá actuar no treito da actual vía autonómica, entre os puntos quilométricos 57+760 e o 59+860, desde a glorieta proxectada en Estás e a existente en Goián, na cal enlazan a PO-552, o treito en servizo da vía de alta capacidade Tui que conecta coa Guarda e a ponte internacional de Goián–Vila Nova de Cerveira. 

 Esta autovía contará con 2 carrís de circulación para cada sentido, con dúas calzadas separadas entre si e con acceso limitado para reforzar a seguridade viaria, habilitando pasos inferiores e camiños de servizo desde as propiedades lindeiras. 

 Executaranse 3 glorietas para permitir os xiros en condicións de máxima seguridade: a glorieta de Goián, a de Figueiró e a de Estás, e realizarase un ramal directo de incorporación desde a estrada autonómica PO-553, que vai desde Goián á fronteira portuguesa, ademais dun ramal directo de conexión co treito xa en servizo da vía de alta capacidade entre Goián e A Guarda. 

 A tramitación das actuacións proxectadas requiriu de dous períodos de información pública debido á necesidade de recoller as suxestións tanto dos veciños como do propio Concello de Tomiño. De feito, deste proceso de concertación o propio Concello viu a oportunidade de desenvolver un polígono agroforestal apoiándose na vía desdobrada, e o proceso de coordinación de ambas as actuacións fixo necesario un maior tempo de tramitación, de modo que casasen perfectamente ambas as iniciativas. 

 Todos os novos camiños e conexións no ámbito do proxecto terán a categoría de rede local, excepto o treito que se desdobra da PO-552 a as súas glorietas de conexión, que formarán parte da rede autonómica, xa que forman parte directa da conexión coa República Portuguesa. 

185M€ para vertebrar o Baixo Miño 

 O Goberno galego, no marco da súa política de conseguir unha Galicia mellor vertebrada, máis cohesionada e máis competitiva, segue traballando para que esta nova autovía Tui–A Guarda sexa unha realidade, e avanza tanto desde o punto de vista administrativo -culminando a tramitación dos proxectos- como material, coa posta en servizo do enlace coa A-55 e o polígono de Areas, no mes de febreiro. 

 Exemplo deste traballo é a contratación das obras para a adaptacións das vías situadas na contorna deste enlace á nova configuración da circulación desta nova conexión da autovía. As obras foron adxudicadas este pasado venres, día 28, por máis de 955.000 euros. Trátase de actuar no treito da N-551 que discorre entre as interseccións do antigo enlace da autovía e que pasará a ser de titularidade autonómica, construíndo beirarrúas, reordenando o aparcadoiro ou colocando nos vaos peonís pavimento táctil. Estas obras comezarán previsiblemente na segunda quincena de xullo. 

 Tamén no mes de febreiro o Executivo autonómico aprobou o proxecto de trazado do treito da autovía Tui-A Guarda entre a estrada PO-350 e Estás, no concello de Tomiño. Este proxecto suporá un investimento autonómico de máis de 78 M€ e permite desenvolver un novo tramo da autovía, que avanza polo concello de Tomiño, continuando a mellora da mobilidade da comarca do Baixo Miño. 

 Ademais, tamén se está a finalizar a redacción do proxecto do treito da autovía entre o enlace de Areas e a estrada PO-350, co obxectivo de prolongar a vía e duplicar o paso inferior de acceso ao polígono, de modo que dea funcionalidade a un enlace completo, tamén en sentido A Guarda. Proximamente, iniciarase a supervisión técnica do proxecto coa previsión de poder licitar as obras a finais deste ano. 

 Hoxe o Goberno galego aprobou, ademais, este proxecto de desdobramento da PO-552 entre Estás e Goián, para completar a autovía ata enlazar co treito 3, xa en servizo. 

 Considerando todos os treitos, o eixe de alta capacidade para vertebrar o Baixo Miño supón un investimento de máis de 180 millóns de euros, dos cales 85 millóns xa están executados

Ningún comentario:

Publicar un comentario