A CIG rexeita o quinto ERE en Vodafone, que podería afectar o 35% dos empregos en Galiza
A compañía eliminou máis da metade dos postos de traballo no noso país dende 2012, cando contaba con máis de 300 empregados/as
Infogauda / Galiza
A representación da CIG en Vodafone -empresa de telecomunicacións con centros de traballo en Vigo e na Coruña- vén de amosar o seu rexeitamento ao ERE anunciado por Zegona, o fondo de investimentos que recentemente se fixo coa compañía. Dende a central sindical denuncian que a medida podería afectar o 35% dos empregos, ao tempo que lembran que Vodafone xa eliminou máis da metade dos postos de traballo no noso país dende 2012.
O persoal galego da empresa está integrado na actualidade por arredor de 120 operarios/as en Vigo (repartidos/as entre Vodafono España e Vodafone ONO) e por uns 35 na Coruña. “As previsións da empresa pasan por prescindir do 35% do emprego en cada un dos departamentos, xa que anunciou que despediría a un total de 1198 persoas no conxunto do Estado das máis de 3200 que conforman o cadro de persoal”.
A representación sindical está á espera de coñecer os detalles da operación -que hoxe se podería definir na xuntanza prevista a nivel estatal- para saber de que xeito afectaría ao persoal galego. Con todo, na CIG xa anunciaron a súa disposición a participar nas mobilizacións conxuntas que se poidan convocar para rexeitar a decisión e reclamar o mantemento dos postos de traballo.
Ao mesmo tempo, lamentan que o ERE fose autorizado polo Goberno español sen ter incluído ningún tipo de garantía para o emprego e que o anuncio chegue 15 días despois da adquisición da empresa polo fondo de investimentos Zegona, “cuxo CEO insistiu durante a súa presentación que non se ían adoptar medidas que afectasen os postos de traballo nin as condicións laborais do cadro de persoal”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario