17 de xuño de 2024

A GUARDA

Lorenzana reúnese co alcalde da Guarda para abordar as necesidades de solo industrial do concello 

Este encontro enmárcase na rolda de contactos que a conselleira está a manter cos rexedores galegos agora que a política de planificación de solo empresarial é competencia da consellería de Economía e Industria


A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e membros do goberno municipal

Foto: X.G.


Infogauda / A Guarda

 A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela un encontro co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, con quen abordou, entre outros asuntos, as necesidades de solo empresarial do concello.  

 A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que Lorenzana está a manter cos distintos rexedores locais agora que a política de planificación de solo industrial é competencia da Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial. Segundo expuxo a conselleira na reunión, a vontade da Xunta é que esta planificación vaia ligada ao aproveitamento dos recursos naturais e as renovables para dar acceso ás empresas a un prezo enerxético máis barato e competitivo.  

 Na reunión, expuxéronse os beneficios das tres liñas de axudas que a Consellería de Economía e Industria vén de resolver para contribuír á competitividade dos parques empresariais galegos. Concretamente, para a mellora de infraestruturas e servizos, para a creación de viveiros industriais e unha terceira liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica.  

 Por outra banda, Conselleira e alcalde coincidiron na importancia de fomentar a desburocratización da tramitación administrativa para atraer empresas, tal e como está a facer o Goberno galego a través da Oficina Económica de Galicia dependente do Igape. No seu primeiro mes de funcionamento, en abril, rexistrou máis de 900 consultas e máis de cen citas de acompañamento ás empresas galegas.  

 Na mesma liña, na xuntanza tamén se abordaron as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento, e os plans directores por sectores nos que a Xunta está traballando.  

 O concello de A Guarda  forma parte do programa Concello Emprendedor desde o ano 2021. Unha iniciativa á que están adheridos 156 municipios galegos e que ofrece máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais co fin de facilitar o investimento empresarial para impulsar a reactivación económica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario