Érguete Baixo Miño reivindica a eficacia dos programas de redución do dano para a prevención das drogodependencias
Érguete Baixo Miño / A Guarda
O vindeiro mércores 26 de xuño celébrase o Día Internacional contra o Tráfico Ilícito e o Abuso de Drogas no que, como ven sendo habitual, a asociación Érguete Baixo Miño súmase á campaña de UNAD, Rede de Atención ás Adiccións.
#SéParteDeLaSolución é o nome da campaña deste ano para recoñecer o papel dos programas de redución do dano como unha resposta pública efectiva. Os programas de redución do dano teñen como obxectivo minguar os danos ocasionados polo consumo de drogas, é dicir, dentro do malo o menos malo.
Esta campaña pon o foco nas persoas que consumen drogas para recoñecer que son cidadáns dignos e con dereitos, merecedores de tratamento e de aceptación sen estigmas, lonxe de fomentar o consumo.
Trátase de crear un futuro onde a cidadanía teña a oportunidade de vivir unha vida plena e saudable. Trátase de poñer fin a guerra contra as drogas e comezar a construír un sistema que priorice o benestar, a xustiza e a humanidade.
Érguete Baixo Miño realiza varias actividades de redución do dano como o servizo de calor/café, ducha/aseo, lavandaría, distribución de alimentos básicos, intercambio de xiringas, facilitación de preservativos e xestións e/ou acompañamento a recursos e servizos da comunidade.
Érguete Baixo Miño é unha asociación que realiza programas de prevención de condutas adictivas na Comarca do Baixo Miño dende o ano 1990. UNAD é unha rede de ONG que intervén no ámbito das adiccións con e sen sustancia e dos problemas que derivan delas. Está integrada por mais de 200 organizacións repartidas por toda España que comparten un modelo común centrado na persoa. Anualmente atende a mais de 47.000 persoas con adiccións e as súas familias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario