25 de xuño de 2024

A GUARDA

A Color Rain Festival presenta unha tarde de sábado con cor, deporte e animación   

O evento ten unha vertente solidaria a favor do proxecto Fogares Sanxe, impulsado pola Asociación San Xerome Emiliani


O alcalde de A Guarda e membros do goberno municipal, co director e usuarios do centro San Xerome Emiliani, e membros da organización,  na presentación do evento
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 A  Guarda vai acoller este sábado 29 de xuño a Color Rain Festival, un evento lúdico – deportivo no que se fusionan deporte e diversión. As inscricións pechan este mércores, así que aínda hai tempo de apuntarse a través da web:www.colorrainfestival.com.   

 Os inscritos deberán levar roupa blanca e o dorsal correspondente. Ademais, ten unha cara solidaria a favor do proxecto Fogares Sanxe, impulsado pola Asociación San Xerome Emiliani.  

 Para aquelas persoas que non queiran participar ou queiran aportar un donativo maior, poderán facelo a través da chamada fila 0, na que tamén serán agasallados coa camiseta conmemorativa.   

 Os participantes deben ser maiores de 12 anos, pero a rapazada entre os 6 e 11 anos  poderán participar fóra da competición —con inscricións gratuítas— sempre e cando estean correctamente rexistradas e asistan acompañados dunha persoa adulta, que deberá realizar a súa inscrición no evento.   

 Na Alameda, haberá diferentes postos con comida e outras actividades para animar a tarde. O programa comezará ás 19:00 horas cunha actuación de títeres na zona de saída para o público infantil. Trátase da obra “De Vilatriste a Vilalegre”, que está enmarcada na xira do 40 aniversario do Centro Dramático Galego.  

 Ás 19:45 horas comezará a animación e o quecemento, cunha clase de zumba impartida por Alejandra, do centro Lioness Training. Ao finalizar, terán lugar as explosións de cores e a saída efectuarase ás 20:30 horas. Tras os 3 km de carreira entregaranse os premios e continuará con ambientación musical con djs.  

 O proxecto FoGaReS SaNXe, impulsado pola Asociación San Xerome Emiliani, pretende crear 30 vivendas destinadas á emancipación de 60 persoas con diversidade intelectual no antigo colexio das Carmelitas. O edificio contará con todos os servizos necesarios e apoios profesionais para que os usuarios da comarca do Baixo Miño establezan unha nova vida independente e segura. Para iso, de cada inscrición destinarase un euro a esta causa, ademais de abrirse unha fila 0 para todas as persoas interesadas que non poidan participar e desexan apoiar a causa.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario