10 de maio de 2024

TUI

Tui recibirá 291 mil euros do FEDER con cargo ao proxecto Fortalezas Abaluartadas

 Investirá 388 mil euros na recuperación dun tramo da muralla medieval na fronte fluvial


Vista da muralla e do paseo fluvial de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Tui vai recibir 291.175,50€ de fondos europeos FEDER para a recuperación do baluarte do Diaño da muralla. Trátase do 75% do investimento previsto que ascende a 388.232,67€.  

 Tui é un dos cinco municipios que forman parte do proxecto “A paz europea a través das fortalezas abaluartadas da Raia”, xunto aos portugueses de Valença, Almeida e Marvão e o español de Ciudad Rodrigo.  

 Este proxecto suporá o investimento total de 1.199.203,50€ dos que 899.402,62 será financiados a través do fondos FEDER a través do programa Interreg España-Portugal.  

 Estes cinco municipios van desenvolver unha estratexia conxunta de desenvolvemento baseada no patrimonio cultural tendo en conta a innovación, preservación, sensibilización e capacitación reforzando unha oferta turística temática.  

 Con esta actuación Tui continúa traballando pola conservación do seu patrimonio histórico, neste caso ligado á muralla. A súa posta en valor forma parte tamén das actuacións que se levan a cabo no conxunto histórico, coma a rehabilitación do Cárcere Vello, o proxecto de reforma da iluminación da zona ou a ansiada recuperación do Teatro Principal. Todo isto redundará na conservación e dinamización do conxunto histórico de Tui, o segundo de maior extensión en Galicia despois do de Santiago de Compostela. Tamén incidirían positivamente estas accións na dinamización turística da zona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario