22 de maio de 2024

OIA

Conferencia sobre as escavacións no castro do Cano dos Mouros 

 O venres 24 de maio, ás 19:00 horas, no Centro Cultural de Viladesuso   

 



Infogauda / Oia   

 O Centro Cultural de Viladesuso acollerá, o venres 24 de maio, ás 19.00 horas, unha conferencia de presentación dos resultados da recente campaña arqueolóxica realizada no castro do Cano dos Mouros, a cal permitiu localizar varias cabanas da Idade de Ferro.   

 Os arqueólogos responsables da intervención, Carlos Otero Vilariño e César Parcero Oubiña, serán os encargados de informar sobre os traballos desenvolvidos e os resultados obtidos, os cales confirman unha ocupación do poboado durante a época castrexa.   

 Esta actuación levouse a cabo ao abeiro do convenio Deputación-INCIPIT, despois de que o proxecto presentado polo Concello de Oia resultase elixido nun proceso de selección aberto polo organismo provincial en 2022. A intervención no Cano dos Mouros contou coa colaboración da comunidade de montes veciñais en man común de Viladesuso, titular dos terreos onde se desenvolveron os traballos.  

 Ao longo de varias xornadas desenvolvidas nos meses de setembro e outubro de 2023, e febreiro de 2024; o equipo de traballo levou a cabo unha prospección xeofísica no recinto principal do castro, a cal permitiu localizar e identificar con gran precisión a existencia de varias cabanas circulares. Posteriormente, na zona estudada abríronse sondaxes valorativas co obxectivo de confirmar os resultados da teledetección. Nesta actuación puidéronse recoller algúns achados materiais e varias mostras para a súa análise e datación radiocarbónica.   

 Esta campaña supuxo a primeira intervención arqueolóxica efectuada no Cano dos Mouros, conseguíndose confirmar a existencia de restos materiais dun poboado da Idade do Ferro e, a través dos traballos desenvolvidos, formular hipóteses sobre os momentos durante os que permaneceu habitado.  

 O lugar da intervención atópase nunha elevación con vistas ao océano Atlántico e con gran control visual da zona, o que lle outorga un carácter estratéxico. Trátase dun espazo de gran interese patrimonial, tanto no material como tamén no inmaterial. No que respecta ao intanxible, cómpre destacar o propio topónimo Cano dos Mouros así como a lenda do Rei Sol, que desde hai varios anos a veciñanza revive a través da celebración dun evento festivo que leva ese mesmo nome.

Ningún comentario:

Publicar un comentario