16 de maio de 2024

O ROSAL

A Xunta inviste case medio millón de euros nos cursos de accións formativas para desempregados do Rosal 

 O delegado territorial visitou o curso de Cociña que se está a levar a cabo na Escola Profesional de Hostalaría do Baixo Miño


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Escola Profesional de Hostalaría do Baixo Miño
Foto: X.G.

Infogauda / O Rosal

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Escola Profesional de Hostalaría do Baixo Miño, unha das 45 empresas que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na área territorial de Pontevedra.   

 O delegado puido conversar co alumnado do curso de Cociña, que lle transmitiron o seu entusiasmo e satisfacción coa formación que están a recibir. A Escola Profesional de Hostalaría do Baixo Miño impartirá ata nove cursos AFD para os cales conta cun financiamento de máis de 470.000 euros.  

 Cabe destacar que na área territorial de Pontevedra están aceptadas un total de 228 accións formativas, das cales 30 teñen lugar nos concellos da comarca do Baixo MIño. Estes cursos contan cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros, dos case 10 millóns de euros que a Xunta investirá no total da área territorial de Pontevedra.   

 O delegado mostrouse impresionado coas instalacións e co desempeño do alumnado e animou a todos os participantes a “aproveitar ao máximos a experiencia e coñecementos dos seus docentes”. Ademais, Reguera sinalou a falta de man de obra que se está a percibir no sector da hostalaría e a necesidade de “formar a profesionais completos e competentes que manteñan o prestixio do sector”.  

A comarca 

 O concello do Rosal é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de nove cursos distintos. Pola súa banda, Tui conta con oito accións formativas. En Tomiño impartiranse sete cursos, mentres que o concello de A Guarda contará con seis AFD.   

 Os cursos están enfocados a áreas cunha baixa taxa de desemprego, de cara a maximizar a empregabilidade do alumnado. Entre elas, a hostalería, a mecánica, os servizos sociais ou a carpintería. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario