28 de maio de 2024

O ROSAL

Concello e ACOUGO traballarán xuntos en programas de atención e formación de acollemento familiar  

Ambas entidades asinaron un convenio de colaboración para a transformación e mellora social sobre o acollemento e a protección ás e aos menores   


O Concello do Rosal e a Asociación Galega de Familias de Acollida ACOUGO, veñen de asinar un convenio de colaboración
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 O Concello do Rosal e a Asociación Galega de Familias de Acollida ACOUGO, veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de promover programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores, así como medidas específicas para o acollemento familiar.  

 A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, salientou a satisfacción do Concello por formalizar esta colaboración con ACOUGO, xa que “a súa experiencia e dedicación no campo do acollemento familiar son fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa. Este convenio permitirá desenvolver programas que terán un impacto real na vida dos nenos e nenas en situación de vulnerabilidade, así como nas familias de acollida e de orixe”. 

 O acordo destaca o compromiso de Concello e Acougo para traballar de forma conxunta na incidencia política e sensibilización para a transformación e mellora social sobre acollemento familiar ou residencial, sobre dereitos da infancia do Sistema de Protección e sobre familias de orixe e de acollida.  

 O convenio ten como propósito ademais facilitar, na medida do posible, o uso de espazos e equipos necesarios e facilitando a entrada das persoas participantes nos programas postos en marcha aos servizos psicosociais educativos, de deporte ou lecer municipais.  

 A través deste convenio, o Concello reafirma o seu compromiso co benestar da infancia e mocidade e co apoio ás iniciativas que buscan garantir unha protección integral e efectiva das e dos menores. A colaboración con ACOUGO permitirá crear novas oportunidades de formación e sensibilización, promovendo un maior apoio ao acollemento familiar no municipio.  

 A Asociación Galega de Familias de Acollida naceu das necesidades dun grupo de familias que se involucraron para colaborar e apoiar de forma organizada ás administracións e outras entidades para traballar a prol dos e das menores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario