A XUNTA DE GALICIA AUTORIZA A APERTURA E FUNCIONAMENTO DO CENTRO DE MÚSICA PROFESIONAL AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL
Infogauda / O Rosal
Hoxe é un día moi importante para O Rosal. É un verdadeiro fito para tradición musical rosaleira, que o Diario Oficial de Galicia (D.O.G.), número 97, correspondente a este martes día 21 de maio de 2024, na súa páxina 30225, no apartado III. Outras disposicións, publique o seguinte anuncio:
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, CIENCIA, UNIVERSIDADES E FORMACIÓN PROFESIONAL
ORDE do 2 de maio de 2024 pola que se autoriza a apertura e funcionamento do centro de música profesional Agrupación Musical do Rosal, do Rosal (Pontevedra).
A representación da Asociación Agrupación Musical do Rosal solicita autorización de apertura e funcionamento do centro de música profesional (CEMU) Agrupación Musical do Rosal, do Rosal (Pontevedra), para impartir as ensinanzas profesionais de música.
O Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, que establece os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, e o Decreto 253/1995, do 29 de setembro, desenvolvido pola Orde do 5 de decembro de 1995, regula o procedemento para a autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas, trámites preceptivos iniciados na Dirección Territorial de Pontevedra que achega o expediente cos correspondentes informes para a autorización das devanditas ensinanzas.
Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, DISPOÑO:
Artigo 1. Autorización
Autorizar a apertura e funcionamento do centro de ensinanzas artísticas que se sinala a seguir: Denominación xenérica: centro autorizado de música (CEMU) profesional.
Denominación específica: Agrupación Musical do Rosal.
Código do centro: 36025232.
Enderezo: rúa Couso, s/n, Auditorio.
Localidade: O Rosal.
Concello: O Rosal.
Código postal: 36770.
Provincia: Pontevedra.
Titular: Asociación Agrupación Musical do Rosal.
Total de postos escolares: 90.
Artigo 2. Inicio da actividade
Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Dirección Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia.
Artigo 3. Inscrición no Rexistro de Centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Revisión da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.
Disposición derradeira primeira.
Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda.
Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Ningún comentario:
Publicar un comentario