22 de maio de 2024

ECONOMÍA

Simplificación e mellora das prestacións 

Abel Losada destaca que case 17.000 persoas da provincia amplían os seus dereitos co novo subsidio por desemprego  

 O subdelegado do Goberno recorda que se incrementa o importe da prestación, elimínase o requisito de contar con cargas familiares para os menores de 45 anos e incorpórase a outros colectivos 


Abel Losada, subdelegado do Goberno
Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra 

 Un total de 16.377 persoas que residen na provincia de Pontevedra e que a día de hoxe perciben o subsidio por desemprego poderán beneficiarse da reforma desta axuda, aprobada polo Consello de Ministros onte martes. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, destacou que, unha vez máis, “detrás das medidas que aproba o Goberno de España hai persoas en situación de vulnerabilidade que vén melloradas as súas condicións de vida. Nesta ocasión, son as persoas que están a pasar por unha situación delicada na súa carreira laboral”. 

 O subdelegado explicou que as persoas traballadoras que se acollan ao novo modelo asistencial do desemprego gozarán dun acceso máis simple, mellor protección e, ademais, poderán compatibilizar subsidios e prestacións por desemprego co propio emprego. A normativa, que é froito do acordo alcanzado o pasado mes de maio entre o Goberno de España e os sindicatos, entrará plenamente en vigor no próximo mes de novembro. 

Mellora da protección 

 A partir do 1 de xuño, o subsidio por desemprego alcanzará os 570 euros durante os 6 primeiros meses, en lugar dos 480 euros que ser percibían ata o de agora nese mesmo período. A reforma prevé tamén outras modificacións que estarán plenamente en vigor a partir do mes de novembro. 

 Entre as novidades do subsidio, subliñou Losada, figura a eliminación do mes de espera dende a solicitude e a concesión da prestación, “acabando así cos baleiros na cobertura nun momento en que as persoas precisan percibir o alento das institucións e que, co modelo anterior, non entendían que tivesen que estar un mes sen cobrar”.  

 Ademais, a axuda ábrese ás persoas menores de 45 anos sen cargas familiares, unha condición (a de ter cargas familiares) que ata agora era requisito indispensable e esténdese tamén ás persoas traballadoras eventuais do réxime agrario. Así mesmo, as mulleres maiores de 16 anos vítimas de violencia de xénero poderán acceder a un subsidio específico de nova creación coas mesmas contías. Outra novidade é a posibilidade de acumular as horas retribuídas de ausencia por lactancia como un dereito de tódalas persoas traballadoras sen que esta posibilidade estea recollida por convenio. Finalmente, recoñécese tamén o dereito ao subsidio aos españois emigrantes retornados sen dereito a prestación retributiva por desemprego. 

 O subdelegado do Goberno destacou que non só as 16.377 persoas que actualmente perciben o subsidio por desemprego pasan a beneficiarse deste paquete de melloras, senón que hai outras 8.000 persoas menores de 45 anos na provincia que están agora mesmo percibindo a prestación contributiva por desemprego (o “paro”) que poderán percibir o subsidio de desemprego unha vez rematen de percibir a prestación contributiva, dado que se ten eliminado o requisito de contar con cargas familiares para poder beneficiarse desta axuda. 

 As contías que se poderán percibir co novo modelo do subsidio de desemprego increméntanse porque sobe a porcentaxe equivalente do Indicador Público de Rendas Múltiples (IPREM). As novas contías do subsidio por desemprego son as seguintes: 

- 6 primeiros meses: 95 % IPREM 6 meses (570 euros segundo a referencia actual). 

- 6 meses seguintes: 90 % IPREM (540 euros). 

- Resto del período: 80 % IPREM (480 euros).

Ningún comentario:

Publicar un comentario