28 de maio de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés pechará a tempada en casa xogándose o quinto posto ante a Aula Valladolid 

O duelo disputarase este mércores, 29 de maio (21:00h) no Pavillón Municipal A Sangriña 

Para obter a quinta posición, o conxunto do Baixo Miño debe forzar a prórroga e gañala 




Redacción Deportes / A Guarda

 A tempada 2023/2024 chega ao seu fin este mércores para o Mecalia Atlético Guardés, que recibirá na Sangriña ao Caja Rural Aula Valladolid no encontro de volta da fase que determina o quinto e o sexto posto. O duelo dispútase ás 21:00 horas.  

 A igualdade reinou durante case todo o partido de ida, que finalmente se decantou pola mínima ao lado das valisoletanas (31-30). Isto obriga ao conxunto do Baixo Miño a vencer nos 60 minutos e na prórroga para finalizar a liga na quinta praza, a mesma posición que obtivo na fase regular.  

 O feito de conseguir unha dobre vitoria non sería unha xesta nova para o equipo dirixido por Ana Cristina Teixeira Seabra, xa que vén de logralo na eliminatoria anterior ante o Replasa Beti-Onak. Para iso, a técnica lusa terá á súa disposición a todo o persoal, fóra de Blazka Hauptman, que é baixa por lesión. O club continúa á espera do parte médico.  

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Temos moitas ganas de loitar pola quinta praza” 

 Ana Cristina Teixeira Seabra considera o partido deste mércores como “unha final” e pon en valor que o factor cancha xoga ao seu favor. Ademais, engade que o equipo está con ganas de “corrixir as cousas que non foron ben o sábado” e móstrase esixente, remarcando que o conxunto do Baixo Miño pode “facelo mellor”.  

 A preparadora afirma: “Temos moitas ganas de loitar pola quinta praza”.  

 Con respecto ao rival, considera que “a Aula está a facer un final de tempada moi bo, con boas sensacións”. Con todo, valora que “xogamos en casa, queremos  darlle unha alegría á afección, gozar do partido e mostrar que temos calidade”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Fase final 5º-6º posto 

Mércores, 29 de maio, ás 21:00 horas, no Pavillón Municipal da Sangriña 

En directo, pola canle de YouTube do club. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario