29 de maio de 2024

TUI

44ª Reunión da CPIRM

Abel Losada celebra o “total entendemento entre España e Portugal” durante a reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño 

O subdelegado asistiu a 44ª reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño, CPIRM, na que participan os Gobernos de España e Portugal, e que regula a caza e pesca no tramo internacional do Miño 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou onte pola mañá na 44ª reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM)
Foto: S. do G.

Infogauda / Tui 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou onte pola mañá na 44ª reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM), á que asistiron a delegación española e portuguesa presididas respectivamente por cadanseu embaixador, Juan Francisco Montalbán Carrasco, pola parte de España, e Lenia Areal, pola parte portuguesa, e que reuniron a representantes das diversas entidades de ambos países con competencias na xestión do tramo internacional do río Miño. 

 Esta Comisión é un órgano colexiado que se encarga de discutir as propostas encamiñadas á mellora das condicións biolóxico-pesqueiras e a conservación dos recursos e de protección do hábitat no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM). Nesta XLIV reunión a Comisión Permanente Internacional do Río Miño debateu sobre aspectos relacionados coa caza e a pesca nas ribeiras do tramo internacional do río Miño así como a problemática da contaminación no curso fluvial do río. 

 A Delegación Española na CPIRM, que é un organismo subordinado á Comisión Internacional de Límites con Francia e Portugal (CIL), estivo presidida polo Comandante Naval do Miño e participaron como vogais o subdelegado do Goberno, en representación da Delegación do Goberno en Galicia; o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra (MITECO),; a Subdirección de Pesca e Mercados de Pesca (Xunta de Galicia); o Servizo de Pesca da Subdelegación do Goberno en Pontevedra; a Consellería de Medio Ambiente (Xunta de Galicia); a Área do Mar Delegación de Vigo (Xunta de Galicia); a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; e a Capitanía Marítima de Vigo (Ministerio de Transportes); ademais dos alcaldes das localidades ribeireñas do TIRM, como convidados. 

 O subdelegado destacou que “esta Comisión da fe dos estreitos lazos e bo entendemento entre dous países que comparten unha fronteira natural e teñen múltiples intereses comúns, así como da total cooperación administrativa entre dous territorios veciños”.  

 A CPIRM fixou a data da sinatura anual do Tratado de Límites, rubricado por ambos países a bordo dunha embarcación en augas do Miño, que será no mes de setembro, como é habitual.  

A Comisión Permanente Internacional do Río Miño 

 A creación da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM) xorde, coa actualización do Regulamento de pesca de 1969, como órgano consultivo do Embaixador de Límites de ambos os Estados e presidida polos representantes das mariñas de guerra de España e Portugal. Actualmente presiden as delegacións ambos os Comandantes Navais de España e de Portugal e reúnese con carácter anual e preferentemente no mes de maio. 

 A CPIRM depende directamente da Comisión Internacional de Límites entre Portugal e España (CIL) e está composta por representantes de cada un dos seguintes sectores da Administración de ambos os países: Defensa (Autoridade Marítima Nacional portuguesa e Armada), sectores da Administración Pesqueira, Seguridade na Navegación, Transporte Marítimo, Medio Ambiente, Delegación do Goberno español en Galicia e Asuntos Exteriores. 

 Entre as súas funcións está o tratamento de regulación de todos os asuntos relacionados coas distintas modalidades de pesca no tramo fronteirizo do Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario