BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés pechará a tempada en casa xogándose o quinto posto ante a Aula Valladolid
O duelo disputarase este mércores, 29 de maio (21:00h) no Pavillón Municipal A Sangriña
Para obter a quinta posición, o conxunto do Baixo Miño debe forzar a prórroga e gañala
Redacción Deportes / A Guarda
A tempada 2023/2024 chega ao seu fin este mércores para o Mecalia Atlético Guardés, que recibirá na Sangriña ao Caja Rural Aula Valladolid no encontro de volta da fase que determina o quinto e o sexto posto. O duelo dispútase ás 21:00 horas.
A igualdade reinou durante case todo o partido de ida, que finalmente se decantou pola mínima ao lado das valisoletanas (31-30). Isto obriga ao conxunto do Baixo Miño a vencer nos 60 minutos e na prórroga para finalizar a liga na quinta praza, a mesma posición que obtivo na fase regular.
O feito de conseguir unha dobre vitoria non sería unha xesta nova para o equipo dirixido por Ana Cristina Teixeira Seabra, xa que vén de logralo na eliminatoria anterior ante o Replasa Beti-Onak. Para iso, a técnica lusa terá á súa disposición a todo o persoal, fóra de Blazka Hauptman, que é baixa por lesión. O club continúa á espera do parte médico.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Temos moitas ganas de loitar pola quinta praza”
Ana Cristina Teixeira Seabra considera o partido deste mércores como “unha final” e pon en valor que o factor cancha xoga ao seu favor. Ademais, engade que o equipo está con ganas de “corrixir as cousas que non foron ben o sábado” e móstrase esixente, remarcando que o conxunto do Baixo Miño pode “facelo mellor”.
A preparadora afirma: “Temos moitas ganas de loitar pola quinta praza”.
Con respecto ao rival, considera que “a Aula está a facer un final de tempada moi bo, con boas sensacións”. Con todo, valora que “xogamos en casa, queremos darlle unha alegría á afección, gozar do partido e mostrar que temos calidade”.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Fase final 5º-6º posto
Mércores, 29 de maio, ás 21:00 horas, no Pavillón Municipal da Sangriña
Ningún comentario:
Publicar un comentario