15 de maio de 2024

DEPORTES

 FÚTBOL

O SPORTING GUARDÉS VAI FESTEXAR OS ÉXITOS LOGRADOS NESTA TEMPORADA

 O domingo 19 de maio, ás 18:00 horas, no Estadio Municipal A Sangriña




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 No mundo do deporte, o esforzo e o sacrificio acostuman ir parellos. Non hai vitorias sen eses dous ingredientes. Porque o factor sorte pode xurdir espontaneamente, pero non se fai palleiro sen palla. Dito doutro xeito: os encontros non se gañan sen traballo.

 E a verdade, na temporada 2023-24, o Sporting Guardés fixo un magnífico labor. Houbo tardes sen brillo (6 derrotas e 6 empates), pero foron ás menos, xa que o equipo contabilizou 21 vitorias, porque traballou de xeito ordenado, e lóxicamente iso ten premio. A proba está que o equipo senior, de Segunda Galicia - Vigo, logrou situarse de líder, con 69 puntos no seu haber, fronte aos 63 do Gondomar, C.F., e os 61 do Erizana C.F., por citar os equipos máis inmediatos na clasificación.

 E como todo que comeza ten seu remate, este vindeiro domingo día 19 de maio de 2024, ás 18:00 horas, no Estadio Municipal A Sangriña, o Sporting Guardés disputará o derradeiro partido desta temporada. Será fronte ao Caselas, F.C..

 O equipo visitante, clasificado na 9ª praza da táboa non ten polo de agora asegurado o ascenso de categoría. Para iso tería que gañar na súa visita ao feudo do Sporting Guardés e ao mesmo tempo darse a circunstancia de que o Tomiño, C.F. tropezase no Campo Municipal O Alivio, no seu encontro fronte ao Juvenil de Ponteareas B. 

 En todo caso, para o Sporting Guardés, sexa cal sexa o resultado do partido deste domingo, non corre risco algún. Polo tanto, é o momento de celebrar unha exitosa temporada, na que o equipo de A Guarda logrou o campionato e o ascenso. Dous fitos para engadir ao historial do club.  

 Asemade, tamén será unha magnífica oportunidade para festexar os ascensos dos equipos infantil e xuvenil, respectivamente, do Sporting Guardés.

 Dese xeito, o fútbol de A Guarda e súa comarca, ben merece que os seareiros acudan ao Estadio Municipal A Sangriña para gozar dunha tarde deportiva e de xustificada celebración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario