Angie Leis, de 11 anos, gana o certame de Orpagu cun relato fantástico con protagonista femenina
• A moza repite premio da Organización de Palangreiros Guardeses xa que en 2023 alzouse coa vitoria no concurso de carteis da Festa do Peixe Espada.
• O presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla, e os xornalistas María Jesús Argibay y Xosé Antón García Ferreiro coincidiron no seu ditame e destacaron a gran calidade literaria do traballo.
Mar Bermúdez / A Guarda
A vocación artística da moza do Rosal, Angie Leis, de 11 anos, confírmase tras conquistar co seu relato “O titán azul” ao xurado do certame literario “Homes e Mulleres do Mar. Premio Gómez Alfaro”, un concurso para estudantes de toda Galicia, de entre 10 e 12 anos de idade, orientado a promover a literatura en galego e ao que este ano concorreron unha vintena de escolares.
Angie Leis, que o ano pasado gañou o concurso convocado tamén polos palangreiros guardeses para elixir o cartel da Festa do Peixe Espada, narra no seu relato a vida de Mariña, unha nena da Guarda e a súa relación co mar a través dos seus seres queridos. Ao longo de catro folios, a moza describe con mestría “o amor ao mar, o sacrificio das mareas, os naufraxios, a tradición…” E todo iso cun xiro final inesperado que pon o broche a un traballo “moi ben narrado e estruturado”.
O xurado deste ano o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla e os xornalistas María Jesús Argibay e Xosé Antón García Ferreiro, que coincidiron en elixir “O titán azul” como o mellor relato, destacando a súa calidade literaria e a orixinalidade da historia.
O premio literario impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor de Ensino Secundario no Colexio Pais Somascos da Guarda, localidade na que viviu ata o seu falecemento. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Alfaro foi un recoñecido escritor, poeta e articulista en varios medios de comunicación. Como poeta deuse a coñecer en 1969 cunha obra en castelán, “De rodillas”, publicada na Editorial CLA en Bilbao, pero toda a súa obra posterior foi en galego.
A gañadora do certame recollerá os seus premios -unha tableta, un trofeo e un lote de libros- o próximo 1 de xuño na sede dos palangreiros guardeses (rúa Manuel Álvarez, 16, baixo. A Guarda).
Ningún comentario:
Publicar un comentario