16 de abr. de 2024

TUI

Abel Losada visita a Comandancia Naval do Miño en Tui  

O subdelegado mantivo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas do tramo internacional na que recolleu a “axenda do Miño”  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desprazouse hoxe á Comandancia Naval do Miño en Tui, onde mantivo un encontro cos alcaldes e alcaldesas da “raia”

Fotos: S. de G.

Infogauda / Tui

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desprazouse hoxe á Comandancia Naval do Miño en Tui, onde mantivo un encontro cos alcaldes e alcaldesas da “raia”, que serviu como primeira toma de contacto institucional desde a súa toma de posesión cos representantes municipais do tramo internacional do Miño.  

 Participaron os alcaldes e alcaldesas de Tui, Enrique Cabaleiro, O Rosal, Ánxela Fernández, Tomiño, Sandra González, Arbo, Horacio Gil, A Guarda, José Roberto Álvarez, e As Neves, José Manuel Alfonso. 

  

Losada, na compaña do comandante do Miño, Andrés Díaz-Ripoll, e Enriq ue Cabaleiro, alcalde de Tui, a bordo o patrulleiro “Cabo Fradera”

 Losada visitou a Comandancia Naval na compaña do comandante do Miño, Andrés Díaz-Ripoll, onde saudou aos 23 membros desta dotación da Armada e foi convidado a inspeccionar o patrulleiro “Cabo Fradera”. Posteriormente mantivo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas do tramo internacional na que recolleu a “axenda do Miño”.  

 Entre outras cuestións, o subdelegado comprometeuse a trasladarlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) a posibilidade de celebrar unha xuntanza mixta entre concellos, Xunta e Goberno do Estado na que se aborden cuestións relativas á preservación ambiental da área, como son a eliminación de especies invasoras ou o impulso ao saneamento, pois son temas con competencias cruzadas que afectan ás administracións locais, autonómica e estatal. 

 Abel Losada informou de que o Goberno de España está a valorar o encargo dun estudo hidrolóxico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), que se realizaría en conxunto co organismo equivalente de Portugal, para valorar dun xeito científico os efectos da erosión na costa e a posibilidade de efectuar dragados, tendo en conta a súa posible influencia nas correntes e nos fenómenos erosivos. 

 Doutro lado, o subdelegado informou que a Comandancia Naval, xunto coa Marinha Portuguesa están a traballar nun regulamento único de navegación no tramo internacional do Miño. 

 Abel Losada volverá visitar pronto a Comandancia Naval de Tui para participar na firma da acta de recoñecemento fronteirizo que se leva a cabo anualmente por parte da comisión permanente da que forman parte a Armada Española, a Marinha portuguesa e os municipios fronteirizos da raia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario