12 de abr. de 2024

O ROSAL

Nace Rula Roupa, o primeiro mercado de moda e complementos de segunda man do Rosal  

 O Concello organiza este mercado, que se celebrará o domingo 12 de maio de 11.00 a 20.30 horas na Praza do Calvario  

 As persoas interesadas en ofertar os seus produtos e darlle unha segunda vida poderán presentar a súa solicitude dende o 15 ao 3o de abril  


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís - no centro -, con Alejandro González Martínez, concelleiro de Comercio, Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Xuventude e Persoal; e a emprendedora Laura Iglesias Fernández, na presentación de ‘Rula Roupa’

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal   

 O Rosal mantén a súa firme aposta por iniciativas que fomenten a economía circular e a sostibilidade ambiental. Neste camiño o Concello pon en marcha ‘Rula Roupa’, o primeiro mercado de moda e complementos de segunda man, unha iniciativa que busca, como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “dar a oportunidade á veciñanza de vender ou trocar produtos de segunda man nunha xornada que estará acompañada por actividades lúdicas para a rapazada, música en directo e postos de comida. Este mercado é unha maneira sostible e ética de consumir roupa e minimizar o impacto da industria téxtil e os residuos que xera”. 

 O mercado abrirá as súas portas na Praza do Calvario o domingo 12 de maio de 11.00 a 20.30 horas de forma ininterrompida e nela poderán participar de balde todas as asociacións sen ánimo de lucro ou persoas interesadas en ofertar diferentes produtos aos que darlles unha segunda vida. Poderanse vender ou intercambiar prendas de roupa ou complementos de segunda man como roupa para nenos e nenas, roupa para adultos, bolsos, bixutería, xoias, complementos (bufandas, fulares, cintos...) ou calzado. Non se poderán ofertar prendas de roupa interior, produtos de restos de comercios, así como produtos de artesanía ou de elaboración propia.  

 As persoas ou entidades interesadas en participar con algún dos 23 expositores que se habilitarán deberán presentar a súa solicitude a partir do luns 15 de abril  a partir das 09.00 horas ata as 14.00 h do 3o de abril. As solicitudes presentaranse cumprimentando a instancia sinalando os produtos que se van a ofertar e incluíndo o DNI da persoa solicitante e das persoas que participarán no posto, autorización de representante legal para menores de 16 a 18 anos e, no caso das asociacións, CIF e DNI da persoa representante. A documentación poderá presentarse de forma presencial no Rexistro do Concello de 09.00 a 14.00 h ou a través da Sede Electrónica municipal.  

 Para amenizar a xornada, durante todo o día o Mercado municipal contará cun concerto para todos os públicos, así como cunha actuación e un obradoiro dirixidos a público infantil e postos de comida para que, como destaca o concelleiro de Comercio, Alejandro González Martínez, “a veciñanza goce dunha xornada na que lecer e responsabilidade ambiental, económica e social camiñarán da man”. Unha forma de dinamizar e fomentar a economía circular que o Concello afianzará ademais cun sorteo aberto a todos os públicos a través do perfil de Instagram deste mercado de segunda man, @rularouparosal, a través do que se regalará unha cazadora vaqueira personalizada e doada por Laura Senses Clothing e un bolso feito a man por A neta do Cacheira. 

 Dende o Concello quérese agradecer a importante colaboración da veciñanza na organización desta innovadora iniciativa, achegando o seu gran de area na recolección de ideas, na elaboración e colocación da decoración, formando parte do voluntariado necesario para a súa celebración ou coa organización do obradoiro para nenos e nenas que se vai realizar.  

 “Con iniciativas como este mercado reafirmamos o noso compromiso coa promoción de iniciativas que fomenten a economía circular, camiñando cara a un Rosal máis verde e sostible, mellorando aínda máis a calidade de vida da nosa veciñanza. Convidamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a achegarse á Praza do Calvario e participar neste mercado co que de seguro gozaremos dunha xornada única de entretemento e lecer”, resalta González.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario