12 de abr. de 2024

GALICIA

A Xunta de Galicia licita, por un importe de 55.000 €, o contrato para actualizar a información sobre as poboacións de escribenta das canaveiras, voitre branco e rula 

 Revisarase a súa localización e tamaño empregando métodos básicos de observación, seguimento e cuantificación das poboacións, o que tamén permitirá avaliar a tendencia destes taxóns


 Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus)
Foto: José Miguel Grande Gutiérrez


Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia licitou, por un importe de 55.000 euros, o contrato para actualizar a información dispoñible sobre a abundancia e distribución das poboacións de escribenta das canaveiras, voitre branco e rula para dar cumprimento ás obrigas de seguimento derivadas da Directiva Aves segundo o establecido nas Directrices para a vixilancia e avaliación do estado de conservación das especies ameazadas e de protección especial, que foron aprobadas polo Comité de Flora e Fauna Silvestre da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade. 

 Nesa liña, o Goberno galego actualizará a información das devanditas especies, revisando a súa localización e tamaño co emprego de métodos básicos de observación, seguimento e cuantificación das poboacións, o que tamén permitirá avaliar a tendencia destas especies. 

 Dado que cada unha das especies a analizar presentan distribucións e fenoloxías diferenciadas, cómpre dividir este contrato en 3 lotes co fin de que os adxudicatarios sexan expertos nas aves obxecto de estudo. 

 Así, o primeiro lote, cun orzamento inicial estimado de preto de 21.000 euros, ten como obxectivo actualizar o censo da poboación reprodutora da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) en diversas zonas húmidas das provincias da Coruña e Pontevedra, no ámbito do plan de recuperación desta especie. 

 No caso do voitre branco (Neophron percnopterus), o Goberno galego destina máis de 11.000 euros a avaliar a reprodución desta especie nos Canóns do Sil, o Macizo Central e o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que son territorios que ocupou durante os últimos 15 anos. 

 En canto ao estudo sobre a poboación reprodutora da rula (Streptopelia turtur), contará cun orzamento inicial de preto de 23.000 euros e abranguerá contornas das catro provincias galegas. 

 Este contrato enmárcase no obxectivo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de desenvolver medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario