5 de abr. de 2024

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés pecha a renovación de Cristina Cifuentes 

 A xogadora valisoletana cumprirá a súa terceira tempada no equipo do Baixo Miño 

 A súa capacidade para adaptarse ás necesidades do equipo está a ser clave este curso 

Cristina Cifuentes: “Estou moi feliz de renovar co Mecalia Atlético Guardés” 


Cristina Cifuentes 
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 Cristina Cifuentes cumprirá a súa terceira tempada no Mecalia Atlético Guardés. Deste xeito, o club continúa apostando por unha xogadora de carácter guerreiro, que nunca dá un balón por perdido e que, a pesar das dificultades, está a responder adecuadamente ás necesidades do equipo durante este curso cun cambio de posición, pasando do pivote ao extremo dereito.  

 A súa capacidade de adaptación, a súa garra e a súa dilatada experiencia no 40×20 avalan a súa continuidade no conxunto do Baixo Miño, no que se consolida como unha das xogadoras máis veteranas. O seu paso pola Guarda, tras unha vida enteira na Aula Valladolid, tamén deixa pegada nas categorías base. A pasada tempada, fíxoo adestrando ao equipo alevín do club e, actualmente, é unha figura moi influente como parte do persoal técnico do conxunto xuvenil.  

 Cristina Cifuentes ten aínda moito que ofrecer tanto na próxima tempada como no que queda da presente, na que está a ser determinante, tanto en ataque como en defensa. O Mecalia Atlético Guardés garante, deste xeito, un perfil moi competitivo para o seu proxecto no curso 2024/2025.  

Cristina Cifuentes

 “Estou moi feliz de renovar co Mecalia Atlético Guardés. Ter o futuro claro sempre che fai estar un pouco máis tranquila”. Son as primeiras palabras de Cristina Cifuentes tras o anuncio oficial da súa renovación. A valisoletana sinala que está “moi contenta no pobo, a gusto coa xente e coa dinámica da Guarda. É o que me fixo renovar un ano máis”.  Con todo, recoñece que, tras a baixa indefinida da extremo dereito Nerea Solares, está a ser un ano difícil para ela por ter que asumir unha posición que non é a súa. Nas súas palabras: “É complicado a nivel mental e, sobre todo, polo feito de ter que facer un sobreesforzo, porque non é a miña posición”. A valisoletana lembra que xogou durante moitos anos no lado dereito, pero resalta que o cambio foi complexo.  

 En referencia á profunda renovación do equipo este ano, subliña que “o feito de ter xogadoras novas a principio de tempada quizais che impide entrar pronto na dinámica e que se perdan partidos ou puntos”. Con todo, a gran transformación que sufriu ese curso o conxunto do Baixo Miño non é algo que non experimentase xa. Deste xeito, lembra a súa etapa en Valladolid: “Veño da Aula, onde todos os anos tiñamos sete ou oito renovacións e sempre dabamos o callo”. Con respecto ao curso que vén, confía en que “non haxa tantos cambios e que podamos estar nunha dinámica positiva desde o principio”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario