15 de abr. de 2024

A GUARDA

“Fábulas da montaña”

 Representación de monicreques este sábado 20 de abril, ás 18:00 horas, no Centro Cultural  




Infogauda / A Guarda

 Os meses de abril e maio xiran en torno ao libro, a lectura e as Letras Galegas. Así a programación Primavera entre Letras que comezou fai un par de semanas segue a traer ata A Guarda citas culturais que buscan a difusión das diferentes figuras literarias da nosa cultura. A cita desta semana será a obra de teatro infantil con monicreques “Fábulas da montaña”, o sábado 20 de abril ás 18:00h. no Centro Cultural.  Acceso de balde, ata completar aforo.

 Unha bela proposta da compañía Larraitz Urruzola, na que recupera a única obra para a infancia que deixou escrita Concepción Arenal (pensadora, xurista e defensora dos dereitos da muller e as persoas desfavorecidas). Estas fábulas presentan grandes diferenzas con respecto a outras recompilacións populares naquela altura, escritas por homes (La Fontaine, Samaniego,...) e debedoras das Fábulas de Esopo, mudando exóticos animais da selva africana (leóns, monos, camelos, elefantes, leopardos, tigres,...) por persoas e animais da montaña cántabra como osos, lobos, mastíns, cans palleiros e galos. Tamén muda os contidos clásicos e incorpora temáticas que van ser centrais en toda a súa produción intelectual posterior: a defensa dos desfavorecidos, a importancia da educación nos procesos de transformación da realidade e a necesidade da empatía coa dor e o sufrimento dos demais. 

 Todo isto será transmitido na representación deste sábado a través dunha coidada e orixinal posta en escena,  que caracteriza as producións de Urruzola e que as fan unha proposta axeitada para toda as idades,  dende os 8 anos ata os 108.  

 A programación Primavera entre letras, continuará nas vindeiras semanas dando paso a celebración do Día do Libro e da IV Ruta do Libro – a partir do 23 de abril-  e a proposta Dona Emilia e señora Carme, o día 27 de abril no Centro Cultural,  na que poderemos gozar cunha recompilación de contos e historias de dona Emilia Pardo Bazán. Dando paso no mes de maio as actividades en torno ás Letras Galegas. 

PRIMAVERA ENTRE LETRAS, próximas citas:  

20 de abril. -18h, no Centro Cultural.       

Obra de teatro infantil “As Fábulas da montaña”, sobre contos de Concepción Arenal.     

23 abril.- Librerías da vila.        

Día internacional do libro. Desconto do 10% nas librerías da vila.     

23 abril - 25 maio. Librerías da vila.       

IV Ruta do Libro. Polo gasto mínimo de 30€ en libros nas librerías da vila, recolle un agasallo na Biblioteca Municipal. Infórmate na túa librería.     

27 abril.- 20:30h. Centro Cultural.

Dona Emilia e señora Carme: dúas señoras de conto. A cargo de Cris de Caldas.      

Do 6 ao 20 de maio. Casa dos Alonso.       

Exposición de obras de Castelao .     

16 de maio. IES A Sangriña .      

Festival das Letras.      

19 de maio.  Praza do Reloxo.       

Festa das Letras.

 Xornada festiva con actividades para crianzas, sesión vermout e peche cunha sesión de cultura tradicional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario