O Rosal súmase a ‘Xantar na casa’, un servizo de comida a domicilio para persoas maiores
• Alcaldesa e xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar asinaron este venres o convenio de colaboración
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal súmase ao programa ‘Xantar na casa’, un servizo de comida a domicilio que busca facilitar e garantir unha alimentación saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades diarias de cada persoa e que está dirixido a maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio, dependentes que carezan de apoio familiar ou persoas en risco de exclusión social.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez asinaron este venres o convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha do servizo no municipio. As persoas que se integren no programa poderán acceder ao menú previsto polo prezo simbólico de 1,76 euros ao día, mentres que Concello e Xunta financian o resto do custo do servizo. O acceso ao servizo será a través da área de Servizos Sociais do Concello cun informe da propia traballadora social municipal que determine a situación na que se atopen as posibles persoas beneficiarias do programa.
“Hoxe damos un paso importante para garantir o benestar dos nosos maiores, porque nunha sociedade cada vez máis envellecida é fundamental ofrecer servizos que lles permitan manter a súa autonomía e calidade de vida”, salientou a rexedora. Para Fernández Callís, este servizo non só proporciona unha alimentación saudable e equilibrada, senón que tamén permitirá “contribuír a evitar os riscos domésticos asociados á elaboración da comida no propio domicilio. Queremos asegurar que as nosas e nosos maiores teñan acceso a unha nutrición axeitada e que se sintan seguros e apoiados na súa vida diaria”.
Un día á semana as persoas beneficiarias do programa reciben no seu propio domicilio sete bandexas distintas cos menús correspondentes para unha semana, incluíndo pan, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, listos para quentar no microondas e con todas as garantías sanitarias. Os menús serán completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptados ás necesidades das persoas beneficiarias, aos seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á tempada.
As persoas usuarias deben dispoñer de microondas, frigorífico e enxoval necesarios para a preparación e inxestión dos xantares. En caso de que non sexa así, o Consorcio conta con electrodomésticos para poñer a disposición de usuarios e usuarias en réxime de depósito mentres dure a prestación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario