24 de feb. de 2024

TUI

O Teatro Municipal de Tui acolle funcións de teatro, cinema e monicreques para o alumnado


Vista parcial da asistencia de público no Teatro Municipal de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Teatro clásico, cinema, e monicreques centran as actividades que estes días se desenvolven no Teatro Municipal, no edificio Francisco Sánchez, dirixidas ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.  

 O Concello de Tui, da man da concellería de Ensino, Mocidade e Cultura está realizando diferentes actividades para os escolares dende este pasado martes día 20 até o próximo martes día 27.  Así o día 20 de febreiro, en colaboración coa Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, o teatro tudense foi, por terceiro ano, unha das sedes do Festival Grecolatino acollendo a representación de "Antígona", de Sófocles, e "Mostelaria", de Plauto, polo grupo Corzos Reunidos, ás que asistiron máis de mil estudantes de Secundaria non só de centros educativos de Tui senón tamén doutros puntos de Galicia.  

 O xoves a cita formou parte do programa conmemorativo do Día de Rosalía co que se busca “achegar á sociedade tudense e a mocidade á muller, á poeta, á galeguista, á defensora das inxusticias e á que nos abriu camiño a todas e todos os galegos” como explicaba a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente. En concretou tratouse da proxección da curtametraxe “A rosa incandescente” dirixida a alumnado dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, Seminario Menor e Colexio Maristas  no que se contou coa presenza da súa guionista e produtora Anxos G.Fonte.  

 O próximo martes, 27 de febreiro, o Teatro Municipal acollerá, en colaboración cos centros educativos, a representación do espectáculo “Titiricircus”, da man de Tanxarina. Novamente completarase o aforo deste espazo, nas dúas funcións previstas ás 10:00 e ás 12:00 h, co alumnado do CRA Mestra Clara Torres, os CEIP’s Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Rebordáns e Randufe.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca coma ao longo destes días son preto de 2.000 escolares os participan no Teatro Municipal nas actividades programadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario