24 de feb. de 2024

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

DHF

O Mecalia Atlético Guardés resiste e vence ao Rocasa (27-28) 

 O conxunto galego decantou a balanza ao seu favor nos últimos compases do partido 

 Estela Carrera foi clave en portería, con 11 paradas 

 O Mecalia Atlético Guardés descansará a semana que vén polo parón de seleccións, e volverá á competición o sábado 9 de marzo en Málaga


Cecilia Cacheda nunha acción do encontro fronte ao Rocasa Gran Canaria
Foto: M.A.G.


Redacción Deportes 

 O Mecalia Atlético Guardés venceu na pista do Rocasa Gran Canaria pola mínima (27-28), tras 60 minutos de máxima emoción e igualdade. A vitoria coloca ao equipo do Baixo Miño na quinta posición, a un punto da cuarta praza.  

 Custou máis de tres minutos abrir o electrónico cun gol que levou a firma da pivote María Palomo. Rapidamente, as grancanarias lograron empatar da man de Jelena Terzic, que tamén marcaría o seguinte. O primeiros cinco minutos foron de igualdade máxima, cun  primeiro parcial (2-1) ao que se sumou segundos despois un tanto de Pauli Fernández ante a ameaza de pasivo. En defensa, a paraguaia daba a substitución a Itziar Martínez para defender no centro.  

 O Rocasa comezou a facerse cada vez máis forte na súa área cun impecable sistema 6:0 que retardaba o ataque das galegas que, aínda que por momentos ían a remolque no marcador, lograron asinar as táboas (min. 10, 10-10). Esta dinámica foi unha constante no primeiro acto, no que a dirección de Cecilia Cacheda na pista foi fundamental para que o Mecalia Atlético Guardés continuase enchufado ao partido, con goles moi repartidos tanto nos extremos como na primeira liña.  

 No minuto 20, a exclusión de dous minutos a María Zaldúa abriu a oportunidade ao Mecalia Atlético Guardés para avantaxarse e o equipo galego non fallou. Con todo, pouco despois María Sancha foi a expulsada (min. 21), polo que os equipos volvían competir en igualdade de condicións. Esa paridade seguíase reflectindo no marcador.  Entre o empate e o “un arriba, un abaixo” atopábase o partido. Antonio Moreno pediu o tempo morto cando restaban 40 segundos para finalizar a primeira metade. As locais querían irse ao descanso con dous de vantaxe, unha distancia que non se alcanzou por ningún equipo no tempo xogado. Unha gran parada de Estela Carrera frustrou as aspiracións do equipo rival. Cristina Cabeza solicitou tempo morto para deseñar unha xogada que permitise ao Mecalia Atlético Guardés lograr un gol en 5 segundos. A defensa grancanaria leulle as intencións á lalinense Cecilia Cacheda, impedindo un pase a María Palomo. Deste xeito, a primeira metade finalizou cun 15-14 no marcador.  

 O equipo rival conseguiu irse dous arriba no arranque da segunda metade, pero o conxunto do Baixo Miño respondeu cun espectacular lanzamento de Itziar Martínez á rede desde o extremo dereito. Con todo, as locais colleron carrerilla e lograron sumar un parcial de 3-0 na primeira parte ante só un tanto do Mecalia Atlético Guardés (min. 35, 18-15). Cristina Cabeza pediu tempo morto para motivar unha reacción por parte do equipo galego. O partido renovouse cun gol de María Palomo, unha parada de Estela Carrera e un tanto de Cecilia Cacheda. Todo en menos dun minuto. O Mecalia Atlético Guardés demostrou que continuaba moi enchufado e logrou o empate no minuto 37 (18-18).  

 As perdas de balón penalizaban ás xogadoras dirixidas pola preparadora madrileña: a 20 minutos do final, o Mecalia Atlético Guardés contabilizaba 14 fronte a 7 do Rocasa. Con todo, as xogadoras do Baixo Miño mantíñanse moi vivas sabendo aproveitar os espazos da defensa local. No ecuador da segunda metade, o electrónico mostraba un 22-22.  O Mecalia Atlético Guardés logrou poñerse por primeira vez por encima na segunda metade no minuto 51 a través duns 7 metros de África Sempere. Cun 23-24, Antonio Moreno pediu tempo morto. Quedaban menos de 10 minutos de infarto. A expulsión de Jhennifer Lopes  (min. 52) puido ser un punto de inflexión, pero a igualdade continuou reinando no partido. A menos de 5 minutos do asubío final, o Mecalia Atlético Guardés conseguía volverse a poñer un por diante cun gol de Itziar Martínez, pero María Cobo empataba pouco despois.  

 A emoción era máxima. Calquera erro podía desequilibrar a balanza. María Sancha conseguía volver poñer ao Mecalia Atlético Guardés por encima. Antonio Moreno pediu tempo morto para tratar de darlle a volta ao envite, pero o encontro renovouse cunha gran actuación de Estela Carrera. A segundos de concluír o envite, a que pedía agora o tempo morto era Cristina Cabeza. O Mecalia Atlético Guardés atopouse na pista cunha defensa mixta, pero nada impediu o gol de Ania Ramos. Xa defendendo, unha acción de María Palomo provocou uns 7 metros anotado por Eider Poles.  

 Quedaban 30 segundos. O Mecalia Atlético Guardés gañaba pola mínima (27-28) ante un Rocasa que xogaba cunha máis. Silvia Navarro parou o lanzamento do equipo do Baixo Miño, pero ás grancanarias non lles quedaba tempo. O Mecalia Atlético Guardés levou un partido moi traballado (27-28), no que Estela Carrera brillou con 11 paradas.  

 A próxima fin de semana o Mecalia Atlético Guardés descansará pola competición de seleccións nacionais. O equipo do Baixo Miño volverá xogar o sábado día 9 de marzo (18:00 horas) contra o Costa do Sol Málaga na Cidade Deportiva de Carranque, no partido correspondente á Xornada 20.  

FICHA TÉCNICA  

Rocasa Gran Canaria (15+12): Silvia Navarro (p.), Arinegua Pérez (2), Larissa Da Silva (6), Jhennifer Lopes (4), María Zaldúa, Lulu Guerra, María Cobo (1), Eider Poles (5), Daniela Moreno, Lourdes Guerra (p.), Delfina Ojea, Melania Falcón (3), Jelena Terzic (4), Rebeca López, Marta Siñol e Martina Lang (1).  

Mecalia Atlético Guardés (14+14): Estela Carrera (p.), Cecilia Cacheda (6), María Palomo (6), Paula Fernández (3), Cristina Cifuentes (2), Blazka Hauptman, Elena Amores (1) -7 titular- María Sancha (2), Itziar Martínez (3), Míriam Sempere (p.), África Sempere (3), Ania Ramos (1), Sandra Radovic (1) e Venera Surjan.  

Parciais: 2-1, 4-5, 10-10, 11-12, 15-14 (descanso); 18-15, 19-19, 22-21, 23-23, 24-25, 27-28 (final).  

Árbitros: José Manuel Iniesta e Alberto García. Excluíron dous minutos ás locais María Zaldúa (min. 20), Jhennifer Lopes (min. 47 e min. 53) e Mariña Lang (min. 48); e ás visitantes María Palomo (min.7 e min. 59) e María Sancha (min. 21). Amoestaron con tarxeta amarela á local Jhennifer Lopes (min. 15) e á adestradora visitante Cristina Cabeza (min. 59).  

Incidencias: Partido correspondente á xornada 19 da liga Guerreiras Iberdrola, disputado no pavillón Antonio Moreno, de Telde (As Palmas). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario