9 de xan. de 2024

TUI

Miles de persoas recibiron aos Reis Magos na Eurocidade Tui-Valença 

 A comitiva real, formada por máis de 500 persoas, percorreu as rúas de Valença do Minho e Tui. O Teatro Municipal acolleu a recepción real


Os Reis Magos e seus paxes, acompañados de nenas/os e maiores, nos momentos previos á recepción real no Teatro Municipal de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Miles de persoas recibiron nas rúas de Valença do Minho e Tui aos Reis Magos na única Cabalgata Internacional - segundo afirman dende o concello tudense - que se celebra entre España e Portugal. Máis de 500 persoas participaron activamente neste evento formando parte da comitiva real de Melchor, Gaspar e Baltasar. Dende a estación do tren de Valença do Minho até o Teatro Municipal de Tui os Reis Magos derrocharon maxia, ilusión e 1.500 quilos de caramelos, que fixeron as delicias de todas as persoas que se achegaron a presenciar o seu paso.  

 As carrozas reais ían precedidas polas elaboradas polas asociacións culturais Aloia, de Pazos de Reis; Arume, de Malvas; Lembranzas da Terra, de Guillarei; e Xuntanza, de Randufe, que recrearon contos infantís coma Os Tres Porquiños, e personaxes de deseños animados coma Aladdín, Mickey e Minnie, Bob Esponja, ou a película de Barbie. Ao longo do percorrido non faltou o acompañamento musical coa Rondalla O Mosteiro, de Pexegueiro, e das charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos, respectivamente. Participaron tamén na comitiva real os Bombeiros Voluntarios de Valença, Protección Civil de Valença, Protección Civil de Tui, así coma a Garda Nacional Republicana, e a Policía Local de Tui. Un evento que contou tamén coa colaboración do grupo Scouts Aloia, e da Radio Municipal de Tui.  

 O Teatro Municipal de Tui converteuse nun lugar máxico para a recepción real. A porta de acceso ao patio de butacas transformouse nunha pechadura que permitía acceder a un coidado escenario oriental onde os Reis Magos foron escoitando, durante máis de hora e media, os desexos de cada neno/a que quixeron subir a saudalos.  

 Dende a organización da Cabalgata de Reis amósase o agradecemento a todas e cada unha das persoas que un ano máis fixeron posible este percorrido internacional nunha tarde máxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario