AS CONCELLEIRAS SOCIALISTAS DE TOMIÑO VOTARON EN CONTRA DA APROBACIÓN INICIAL DO ORZAMENTO MUNICIPAL
• Tamén presentaron unha moción de urxencia ante a gravísima situación da Sanidade no concello de Tomiño, instando ao Goberno municipal a solicitar, sen descanso, o fin desta caótica situación
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño celebrou o pasado martes sesión plenaria ordinaria, onde se debateron e votaron inicialmente o orzamento xeral para o vindeiro ano 2024. “O grupo municipal do PSdeG-PSOE votou en contra deses orzamentos por ser, un ano máis, a continuación dos anteriores mália a ser os de maior cuantía na historia de Tomiño. Máis de 9 millóns de euros, e unha vez máis o investimento real apenas supera a cifra de 500.000€, mentres para as retribucións dos órganos de goberno, é decir, para os salarios dos políticos e políticas a partida é de 416.000€”, afirmou Violeta de Santiago, portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE.
“O saneamento conta cunha partida asignada de tan só 60.000€, o que nos parece incomprensible, pois o saneamento segue a ser unha das maiores preocupacións e demandas da veciñanza do noso concello.
A mesma cantidade é a que asignan para melloras nos camiños das parroquias. 15 parroquias e moitos kms de camiños tan só disporán de 60.000€ en todo o ano para a súa mellora, o que para as concelleiras do PSdeG-PSOE é unha burla aos veciños e veciñas que viven no rural.
Para a actividade imprescindible de Servizos Sociais, se descontamos os 400.000€ para o Servizo de Asistencia no Fogar (SA) e deducimos a inflación prevista, resulta que non é nin de lonxe a grande aposta que está a vender este goberno municipal, cando precisamente a inflación é a que está a poñer en graves dificultades a moitas familias que precisan axuda da administración local.
Baixa inexplicablemente a partida para fomento do emprego, a de cultura segue conxelada e para comercio local, pese a preguntar cánto se vai destinar dos 163.000€ da partida de turismo, comercio e pequenas empresas, non fomos quen de que se nos respostara.
Polo tanto, e en consecuencia, as concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE votamos en contra deses orzamentos, por ser máis do mesmo, e cren que os nacionalistas seguirán gobernando a golpe de modificacións de créditos ao longo do 2024”.
Por outra banda, “as concelleiras do PSdeG-PSOE presentamos unha moción de urxencia ante a gravísima situación da Sanidade no concello de Tomiño, onde instamos ao Goberno municipal a solicitar, sen descanso, o fin desta caótica situación, así como a realizar unha potente campaña de información e asesoramento para que a veciñanza faga reclamacións por escrito á Consellería de Sanidade. Que a Consellería inclúa a Tomiño no Convenio de Concellos de difícil cobertura e que se reabra xa, o consultorio médico de Goián.
A moción foi aprobada malia a abstención do Partido Popular que non está de acordo en que dende a administración local se insista e se presione á Xunta para que remate este caos, e tampouco quere que a xente presente reclamacións, pois negáronse a votar estes dous puntos da moción. Eles serán os que teñan que dar as explicacións pertinentes ás veciñas e veciños de Tomiño”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario