7 de dec. de 2023

O ROSAL

O Rosal visita os campamentos saharauís en Tindouf  

 Trinta representantes de 15 concellos galegos coñecerán a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos impulsados pola cooperación galega, alén de amosar o seu apoio institucional  

 A iniciativa está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Delegación Saharauí en Galicia e Sogaps  

 

A axenda en terreo deu comezo onte mércores cun recibimento por parte da gobernadora de Bojador, Dih Chadad
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal forma parte da expedición cunha trintena de representantes de quince concellos galegos que visitan esta semana os campamentos saharauís en Tindouf (Alxeria) co fin de coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos de axuda humanitaria impulsados desde Galicia, así como visibilizar o apoio institucional das administracións locais á causa saharauí. A iniciativa está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda a Delegación da República Árabe Saharauí Democrática en Galicia e España e a ONGD Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. 

 A axenda en terreo deu comezo onte mércores cun recibimento por parte da gobernadora de Bojador, Dih Chadad, quen, alén de dar a benvida á delegación, defendeu o “dereito á autodeterminación do pobo saharauí” e chamou aos responsables municipais a “concienciar sobre esta causa xusta nos seus territorios”. A Wilaya de Bojador é unha das cinco provincias nas que se organizan os campamentos -mantendo a estrutura administrativa da RASD- e é tamén na que se concentra a cooperación tanto da Xunta de Galicia como do Fondo Galego, especialmente nas áreas de sanidade e medio ambiente.  

 Pola súa parte, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan González, amosouse aberto a “seguir cooperando cos campamentos saharauís, tamén con achegas específicas dos propios concellos”. Neste senso, Nigrán e Moaña están a apoiar a través do Fondo Galego o proxecto Nadafa, que busca reforzar a xestión dos residuos traballando nunha dobre vertente: mellorar a recollida de lixo mediante a dotación de persoal e materiais, e realizar actividades de sensibilización para que a veciñanza, especialmente a máis nova, contribúa a manter limpa a súa contorna. 

 A delegación galega poderá supervisar in situ esta iniciativa, se ben nas primeiras horas de estancia xa tiveron a oportunidade de visitar unha planta de reciclaxe de residuos ou as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí. Nos próximos días coñecerán asemade a situación dos centros educativos e do Hospital Nacional, amais de reunirse coa Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas e coa Unión de Mulleres Saharauís. Está previsto ademais un encontro co Primeiro Ministro, Bucharaya Beyun, así como cos representantes ministeriais de Cooperación, Saúde ou Auga e Medio Ambiente. 

 Xunto ao Rosal os concellos presentes nesta misión son Allariz, Boiro, Brión, Cabanas, Laxe, Lugo, Moaña, Monforte, Muros, Nigrán, Oleiros, Padrón, Sada e Viveiro, aos que se unen membros do Parlamento de Galicia, Xunta, ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz. Cómpre apuntar así mesmo que unha ducia de corporacións en toda Galicia aprobaron tamén a declaración impulsada polo Fondo Galego contra o cambio de postura do Goberno Español sobre o Sáhara Occidental. O texto reivindicaba a solución auspiciada por Nacións Unidas, que pasa por convocar un referendo de autodeterminación, en cumprimento do Plan de Arranxo asinado en 1991. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario